FRUGA inicia co BNG os contactos políticos para trasladar as súas propostas sobre a seca e a nova PAC

A organización agraria reclama á Xunta unha liña extraordinaria de axudas para as explotacións afectadas e unha proposta galega propia ante a negociación da Política Agrícola Común para 2028-2034
reunion-bng-fruga-parlamento
17 Sep 2026

FRUGA iniciou os contactos cos grupos parlamentarios galegos cunha reunión co BNG na que trasladou as súas principais propostas para facer fronte ás consecuencias da seca deste verán sobre o sector agrario e para defender os intereses de Galicia na negociación da nova Política Agrícola Común (PAC).

Unha delegación da Xunta Directiva de FRUGA, encabezada polo seu presidente, Elías Somoza, e integrada tamén por Manuel Dacal e Manel Casal, foi recibida no Parlamento de Galicia polo deputado Secundino Fernández e as deputadas Ariadna Fernández e Montse Valcarcel, responsables de distintas áreas relacionadas co agro e o medio rural no grupo parlamentario do BNG.

Durante o encontro, FRUGA expuxo a situación que está a atravesar o sector agrario como consecuencia da seca deste verán e advertiu das dificultades ás que se poderán enfrontar nos próximos meses, especialmente as explotacións gandeiras. Ante este escenario, a organización considera necesario que a Xunta poña en marcha "unha liña de axudas extraordinaria" que permita ás explotacións facer fronte ás perdas e ás consecuencias derivadas da falta de auga.

FRUGA tamén trasladou ao BNG diferentes medidas que, ao seu xuízo, debería impulsar o Goberno galego para adaptar o sector agrario ao cambio climático. Entre elas sitúa a investigación e implantación de variedades vexetais adaptadas á seca, unha xestión "máis responsable e adecuada" dos recursos hídricos, axudas ás explotacións para optimizar o aproveitamento da auga e unha ordenación do territorio que permita recuperar e preservar superficie agraria e, ao mesmo tempo, regular o tipo de cultivos e plantacións forestais.

Outro dos asuntos abordados na reunión foi o futuro da PAC para o período 2028-2034. FRUGA trasladou a súa preocupación ante as propostas que se están a formular no ámbito europeo e manifestou a súa oposición á posible redución dos fondos destinados á Política Agrícola Común.

A organización agraria defende, ademais, o mantemento dos dous piares tradicionais da PAC e, polo tanto, das axudas e fondos destinados ao desenvolvemento rural. Tamén expresou o seu rexeitamento á denominada "restatalización" da PAC, ao considerar que pode xerar desequilibrios e situacións de competencia desleal dentro do mercado común europeo.

FRUGA advertiu igualmente de que unha maior centralización das decisións no ámbito estatal podería prexudicar os intereses galegos. "Cando as negociacións se realizan a nivel de Estado as prioridades galegas quedan esquecidas", sinalou a organización, apelando á experiencia acumulada en anteriores procesos de negociación.

Neste sentido, a delegación de FRUGA trasladou as súas propostas sobre os criterios que deberían determinar o reparto das axudas, a caracterización da hectárea admisible, a definición de profesional agrario ou a aplicación da desgresividade e dos pagos decrecentes, entre outras cuestións que xa están sobre a mesa tanto no ámbito europeo como no estatal.

Desde FRUGA e o BNG tamén coincidiron na súa valoración crítica da actuación da Xunta ante ambas as cuestións. A organización agraria considera "inaceptábel" que o Goberno galego non adopte medidas ante a situación provocada pola seca e acusa a Xunta de "abandonar á súa sorte ao agro galego".

"Non hai ningunha resposta, nin ningunha iniciativa desenvolvida para axudar aínda minimamente ás explotacións agrarias", denuncia FRUGA, que considera que esta situación evidencia "a importancia que se lle dá ao agro e o respecto que o Goberno Galego ten polo mundo rural".

A organización tamén cuestiona a participación da Xunta na negociación da nova PAC e denuncia a súa ausencia no proceso. FRUGA reclama ao Executivo autonómico que defenda os intereses específicos do sector agrario galego e que elabore unha proposta propia para levar ás negociacións que se están desenvolvendo no ámbito estatal.

"Non vai o noso Goberno galego defender os nosos intereses? Non vai elaborar unha proposta galega para defender nas negociacións que se están a dar no Estado? Vainos deixar abandonados unha vez máis?", pregunta a organización agraria.

A reunión co BNG forma parte da rolda de contactos que FRUGA pretende manter cos diferentes grupos parlamentarios para trasladar as súas propostas e demandas. Como conclusión do encontro, ambas as partes compartiron a necesidade de esixir á Xunta "unha resposta ante as repercusións que a seca está a ocasionar" e de reclamar a elaboración dunha proposta galega que teña en conta a realidade do sector e defenda os intereses de Galicia na negociación da nova PAC.

0.28744983673096