Galicia acada en maio o mellor dato histórico de afiliación e baixa dos 110.000 parados

Galicia pechou o mes de maio cos mellores rexistros históricos tanto en afiliación á Seguridade Social como en descenso do desemprego. Segundo os datos feitos públicos este luns, a comunidade alcanzou as 1.111.867 persoas afiliadas, o que supón 17.061 cotizantes máis que hai un ano e 8.048 máis que no pasado mes de abril, cun incremento mensual do 0,73 %.
Ao mesmo tempo, o número de persoas desempregadas situouse en 109.355, tras reducirse en 2.938 persoas respecto de abril (-2,62 %) e en 2.286 en comparación con maio de 2025 (-2,05 %). Galicia foi ademais a segunda comunidade autónoma na que máis baixou o paro en termos relativos durante o último mes.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou que estes datos consolidan “a boa evolución do mercado laboral galego” e atribuíu os rexistros ao dinamismo económico e ao comportamento do tecido empresarial da comunidade. Tamén puxo en valor que tanto as mulleres como as persoas paradas de longa duración rexistran a segunda mellor cifra de desemprego desde o inicio da serie histórica, en maio de 2005.
Por sectores, o paro reduciuse en todas as actividades económicas, especialmente na construción (-8,09 %), no sector primario (-4,14 %), na industria (-3,63 %) e nos servizos (-1,85 %). A maior parte da creación de emprego concentrouse precisamente nos servizos, especialmente na hostalaría, administración pública, educación e sanidade.
OS SINDICATOS
Con todo, os sindicatos coinciden en advertir de que detrás destes datos continúan existindo importantes problemas de precariedade e temporalidade no mercado laboral galego.
Desde a CIG, o secretario confederal de Emprego, Francisco González Sío, asegurou que a baixada do paro “segue sustentándose na estacionalidade e na precariedade laboral”. O sindicato nacionalista subliña que o 90,9 % da redución do desemprego produciuse no sector servizos e denuncia que o 74 % das novas afiliacións ao Réxime Xeral corresponden a contratos temporais ou fixos descontinuos.
A central sindical considera que o modelo económico galego continúa excesivamente dependente do turismo e das actividades estacionais, xerando emprego “inestábel e de baixa calidade”. González Sío advertiu ademais de que o incremento dos contratos temporais e fixos-descontinuos provoca que “cada vez haxa máis persoas traballadoras pobres”, malia os datos récord de afiliación.
Pola súa banda, CCOO valorou positivamente que o desemprego baixe por riba da media estatal e que comece a detectarse certa creación de emprego en sectores de maior valor engadido, pero advertiu tamén dos “pés de barro” que sosteñen os bos datos laborais.
O sindicato sinala que Galicia continúa medrando en afiliación por debaixo da media estatal e insiste en que o actual modelo produtivo segue apoiándose nun emprego precario e de baixa calidade. CCOO alertou igualmente da desigualdade persistente no mercado laboral, xa que seis de cada dez persoas desempregadas en Galicia continúan sendo mulleres.
A organización reclamou á Xunta un cambio de modelo económico baseado nun maior peso da industria e dun sector servizos de alto valor engadido que permita crear emprego estábel e actividade económica durante todo o ano e en todo o territorio galego.
UGT-Galicia valorou de maneira positiva os datos do paro e da afiliación á Seguridade Social de maio, destacando o forte incremento do emprego e a redución do desemprego, así como os efectos favorables da reforma laboral na diminución da temporalidade e no aumento da contratación indefinida. O sindicato subliña que Galicia acadou cifras históricas de afiliación, cun mercado laboral que amosa fortaleza malia o contexto internacional, aínda que lembra que a taxa de paro continúa sendo elevada e que persisten importantes desigualdades, especialmente entre as mulleres e as persoas desempregadas de longa duración.
A central sindical advirte de que o paro estrutural segue afectando a milleiros de persoas e reclama reforzar as políticas activas de emprego, a formación e a recualificación profesional para afrontar os cambios derivados da dixitalización e da intelixencia artificial. Ademais, UGT considera prioritario acometer unha reforma do despedimento que aumente a protección das persoas traballadoras fronte ás extincións inxustificadas e revisar en profundidade o contrato a tempo parcial para combater a precariedade laboral, especialmente entre as mulleres.
O PSOE
O secretario de Economía e Facenda do PSdeG, Abel Losada, advertiu das “malas novas” que traen para Galicia os datos de emprego publicados esta mañá. Sinalou que “un mes tras outro” se está constatando a perda de pulo do mercado laboral galego fronte ao dinamismo que se certifica no conxunto de España.
Losada explicou que as cifras que se acaban de coñecer mostran “a incapacidade do Goberno de Rueda para liderar e dinamizar as estruturas produtivas”, recorrendo a a políticas “repetidas unha e outra vez e absolutamente acomodaticias”, sen iniciativas novas “que permitan ampliar horizontes estratéxicos”.
O PIB galego medra menos que o do total do Estado, e no que se refire ao mercado de traballo obsérvase “un estancamento”, xa que en España as persoas ocupadas incrementáronse no último ano un 2,54 %, mentres en Galicia unicamente un 1,56 %. “É dicir, case un 40 % menos”, precisou.
Abel Losada subliñou que, “á vez que a ocupación medra menos, a chegada de inmigrantes, de traballadores e traballadoras estranxeiros, tamén é moito menor”, e chamou a atención sobre o feito de que o número de parados rexistrados en España se reduciu nos últimos 12 meses un 5,47 %. No caso de Galicia, “fíxoo unicamente un 2 %, menos da metade”.
O conxunto de datos demostra, ao seu xuízo, que o mercado laboral galego está “máis paralizado” e tamén “como Galicia segue perdendo posición competitiva pese aos discursos triunfalistas de Rueda, afastados da realidade”.