Galicia acadou en 2024 o segundo maior volume de fondos europeos xestionados da súa historia

O documento analiza a execución orzamentaria destes recursos e o seu destino final entre os beneficiarios
dineiro-aforro-cartos-moedas
9 Jul 2026

Galicia xestionou durante o ano 2024 un total de 1.003,52 millóns de euros procedentes de fondos da Unión Europea, o que supón o segundo maior volume rexistrado desde o ano 2015, segundo recolle o Informe de Fiscalización dos Fondos Europeos. Exercicio 2024, aprobado polo Pleno do Consello de Contas.

O documento analiza a execución orzamentaria destes recursos e o seu destino final entre os beneficiarios. Do importe total xestionado, recoñecéronse obrigas por valor de 625,72 millóns de euros, o que representa o 62,35 % do total, mentres que os pagamentos efectuados ascenderon a 430,32 millóns de euros, equivalentes ao 68,77 % das obrigas recoñecidas.

A pesar de tratarse dun dos mellores rexistros da serie histórica, o informe sinala que os indicadores de execución experimentaron un descenso respecto ao exercicio anterior. Por este motivo, o Consello de Contas recomenda adoptar medidas que permitan mellorar os niveis de execución dos fondos, superando os atrancos detectados na posta en marcha do actual marco financeiro e evitando a acumulación de novos atrasos.

No que respecta aos beneficiarios, o informe identifica pagamentos por un total de 918,50 millóns de euros. Desa contía, 709,50 millóns corresponderon a terceiros beneficiarios e 209 millóns a pagamentos intermedios. A análise da evolución do actual marco financeiro 2021-2027 revela que, aínda que durante 2024 diminuíu o número de perceptores, o importe recibido converteuse no segundo mellor dato da serie histórica.

O Consello de Contas conclúe o informe incorporando distintas recomendacións orientadas a mellorar a coordinación institucional, reforzar os sistemas de seguimento e dispoñer dunha información máis integrada. O obxectivo é avanzar cara a unha xestión dos fondos europeos máis eficiente, transparente e centrada na obtención de resultados.

0.26706099510193