Galicia asume a xestión do seu litoral tras un traspaso histórico de competencias

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu este mércores en Santiago ao acto oficial de traspaso de funcións, servizos e medios por parte do Goberno central, que permitirá a Galicia asumir a xestión plena do seu litoral. No acto participou tamén o ministro de Política Territorial e Memoria Democrática, Ángel Víctor Torres.
Rueda cualificou o traspaso como un “acordo histórico” e destacou que responde a unha demanda “xusta, sensata e amplamente apoiada pola cidadanía e polo Parlamento galego”. A partir de agora, a Xunta terá competencias sobre máis de 2.500 quilómetros de costa nos que se atopan máis de 4.000 edificacións de todo tipo, incluíndo máis de 100 empresas do complexo mar-industria.
O presidente da Xunta asegurou que este traspaso permitirá aplicar unha normativa propia, a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, co obxectivo de dar seguridade xurídica, axilizar trámites e garantir o emprego e o investimento. “Xestionaremos o litoral con respecto á legalidade, con rigor técnico e xurídico, e coa máxima transparencia, compatibilizando o coidado do medio ambiente coa actividade económica”, sinalou.
Tamén agradeceu o consenso político que fixo posible este traspaso: “Non pedimos privilexios, senón exercer dereitos que nos corresponden e que podemos desenvolver ben”, apuntou. E concluíu afirmando: “Se a Galicia lle vai ben, a España tamén lle irá ben, especialmente nunha competencia coma esta”.