Galicia competirá con catro seleccións nos World Games 2026 de fútbol gaélico en Irlanda

A expedición galega estará integrada por 64 persoas e contará co apoio de institucións e empresas para participar na principal cita internacional desta modalidade deportiva
seleccion-galega-futbol-gaelico
11 Jul 2026

Galicia volverá estar presente nos World Games de fútbol gaélico, a competición internacional máis importante desta modalidade, que se celebrará entre os días 13 e 17 de xullo en Waterford (Irlanda). A Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) desprazará catro seleccións, dúas masculinas e dúas femininas, que competirán con equipos procedentes de cinco continentes.

A cita reunirá arredor de 2.000 deportistas e converterá a localidade irlandesa no epicentro internacional do fútbol gaélico e da cultura gaélica durante cinco días.

Galicia é unha das poucas seleccións que participou en todas as edicións dos World Games, consolidando así a presenza desta disciplina deportiva no país e a proxección internacional dos seus combinados.

A delegación galega estará formada por 64 persoas entre xogadores, xogadoras, corpos técnicos e persoal de apoio, o que a sitúa como unha das expedicións internacionais máis numerosas desta edición. Cada equipo contará con 14 deportistas, dúas persoas de reserva e os correspondentes integrantes do corpo técnico e do staff.

Segundo explica a AGFG, o crecemento do fútbol gaélico en Galicia nos últimos anos reflíctese tanto no incremento de practicantes como nos resultados deportivos. A asociación destaca tamén o papel desenvolvido polas Gaélico Escolas PuntoGal na incorporación de novas xeracións a esta modalidade e na consolidación de Galicia como un referente do fútbol gaélico fóra de Irlanda.

As seleccións competirán baixo as denominacións Galicia A e Galicia B, tanto na categoría masculina como na feminina. Os equipos Galicia A participarán na primeira división, mentres que os combinados Galicia B o farán na segunda. A AGFG explica que os equipos B manteñen un enfoque máis orientado á formación, combinando deportistas con experiencia e xogadores e xogadoras novas co obxectivo de favorecer a súa progresión.

A expedición partirá desde Santiago de Compostela rumbo a Dublín, onde fará noite antes de trasladarse a Waterford. A competición desenvolverase principalmente nas instalacións da South East Technological University (SETU Waterford – Carriganore), mentres que as finais se disputarán no Walsh Park, un dos estadios de referencia dos deportes gaélicos en Irlanda.

No apartado deportivo, Galicia A masculina competirá na primeira división, integrada por dous grupos de cinco equipos. O primeiro clasificado de cada grupo accederá directamente ás semifinais, mentres que os segundos e terceiros disputarán os cuartos de final. Galicia quedou encadrada no grupo A.

Pola súa banda, Galicia B masculina participará na segunda división, estruturada en dous grupos de seis equipos, cun sistema de clasificación similar para acceder ás eliminatorias.

Na competición feminina, Galicia A xogará na primeira división, distribuída en dous grupos, mentres que Galicia B competirá na segunda división, tamén organizada en dous grupos.

Para facer fronte ao custo da participación, a Asociación Galega de Fútbol Gaélico puxo en marcha un crowdfunding destinado a financiar o desprazamento das 64 persoas que integran a expedición. A campaña, desenvolvida coa colaboración da marca galega Acontravento e acompañada dun programa de empresas colaboradoras, permitiu recadar unha cantidade próxima aos 14.000 euros.

Segundo destaca a AGFG, a iniciativa busca crear unha rede de apoio arredor dun proxecto que promove valores como o traballo colectivo, a igualdade, a inclusión, o deporte de base e a promoción da lingua e da cultura galega.

0.38289284706116