Galicia consolida o seu liderado no reciclaxe de vidro cun novo convenio entre a Xunta e Ecovidrio

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o director xeral de Ecovidrio, José Manuel Núñez, asinaron este martes un novo convenio marco de colaboración que marcará a folla de ruta para afianzar o liderado de Galicia no reciclaxe de vidro, cunha taxa que xa supera o 80 %.
A responsable autonómica salientou que, entre 2021 e 2024, Galicia mantivo unha evolución positiva nas cifras de recuperación de envases de vidro, superando incluso o obxectivo estatal do 70 % fixado para o ano 2025.
O acordo terá unha vixencia inicial de catro anos, prorrogable, e enmárcase no Plan de acción 2025-2030 de Ecovidrio. Este plan reforza a sensibilización cidadá, sobre todo entre a mocidade, e aposta pola modernización dos sistemas de recollida, adaptándoos á realidade de cada concello.
Durante o ano 2024, en Galicia recolléronse selectivamente 47.033 toneladas de vidro, o que supón unha media de 17,4 kg por persoa. A Coruña lidera por provincias (17,8 kg/hab), e Santiago de Compostela destaca cunha media de 28,3 kg/hab, situándose entre as tres capitais máis recicladoras do Estado.
Con este xa son tres os convenios asinados pola Consellería cos sistemas colectivos de responsabilidade ampliada do produtor (SCRAP) neste ano. Ángeles Vázquez animou aos concellos a sumarse voluntariamente ao convenio, que ofrece melloras e máis compensacións económicas pola recollida do vidro.