Galicia continúa incrementando a súa poboación con case 6.000 habitantes máis no primeiro semestre

Os datos do IGE publicados poñen de manifesto a tendencia demográfica positiva que rexistra a comunidade galega, que sumou case 15.000 persoas máis nun ano
turismo-xente-guia-visita
18 Jan 2026

A enquisa publicada polo Instituto Galego de Estatística (IGE) relativa ás cifras poboacionais de referencia correspondentes ao primeiro semestre de 2025 pon de manifesto que Galicia continúa gañando poboación e rexistrando unha tendencia demográfica positiva. Concretamente, en xullo de 2025, a poboación de Galicia cifrouse en 2.720.738 habitantes, un total de 5.997 persoas máis que a principios dese mesmo ano, o que supón un incremento do 0,22% no semestre.

En termos interanuais, a poboación de Galicia incrementouse en case 15.000 habitantes en doce meses, ao pasar das 2.705.832 persoas en xullo de 2024 ás 2.720.738 do mesmo mes de 2025, o que implica un crecemento do 0,55%.

A estatística publicada polo IGE tamén revela que seis das sete grandes cidades gañaron poboación no primeiro semestre do 2025. Deste xeito, a que máis aumentou o seu número de habitantes en termos relativos foi a cidade de Ferrol, un 3,09%, sumando 2.005 habitantes máis en seis meses. Mentres tanto, Pontevedra foi a única que rexistrou un descenso, cunha baixada de 75 persoas. Pola súa banda, os concellos de Santiago de Compostela e Lugo superaron os 100.000 habitantes no 1 de xaneiro de 2025 e mantéñense por riba desta cifra no 1 de xullo de 2025.

Ademais, durante o primeiro semestre de 2025 tamén gañaron poboación a metade das comarcas de Galicia. A que máis incrementou o número de habitantes en termos absolutos foi a comarca de Ferrol, que sumou 2.228 persoas máis en seis meses. E a que porcentualmente gañou máis poboación nese mesmo período foi a comarca da Ulloa, cun aumento do 2,42%.

Estes datos estatísticos poñen de manifesto o impacto das políticas da Xunta de Galicia de apoio ás familias galegas, como a gratuidade das escolas infantís, a rede de casas niño no rural, o Bono Concilia Familia ou Tarxeta Benvida.

⚙ Configurar cookies
0.29926490783691