Galicia crea máis emprego e reduce o paro, pero medra a temporalidade laboral

A EPA do terceiro trimestre de 2025 reflicte unha evolución positiva do emprego en Galicia, con máis ocupación e menos paro, aínda que preocupa o aumento dos contratos temporais e a perda de emprego indefinido, especialmente no sector privado.
Sepa
27 Oct 2025

A Enquisa de Poboación Activa (EPA) do terceiro trimestre de 2025, publicada hoxe, amosa uns datos de emprego e paro positivos para Galicia, “como adoita acontecer neste período do ano”, matiza a secretaria de Organización de CCOO, Maica Bouza.

Segundo a EPA, en Galicia hai 1.179.500 persoas ocupadas (14.000 máis que hai tres meses) e 102.600 persoas desempregadas (-3.500). Porén, Bouza alerta de que o emprego indefinido se reduce, mentres gañan peso os contratos temporais, sobre todo no sector privado.

Un mercado “con luces e sombras”

O balance do mercado laboral galego “ten luces e sombras”, sinala Bouza. No lado positivo, todo o emprego creado é a xornada completa, mentres que o de xornada parcial se reduce. No lado negativo, aumenta o emprego temporal e redúcese o indefinido.

A pesar de que o ritmo de creación de emprego e de redución do paro é mellor en Galicia que no resto do Estado, a taxa de actividade galega segue case seis puntos por baixo da estatal, e existen seis comunidades autónomas nas que se crea máis emprego ca en Galicia.

Análise dos datos

A EPA do terceiro trimestre reflicte a creación de 14.000 empregos e a redución do desemprego en 3.500 persoas. O emprego medra en Galicia un 1,2 %, fronte ao 0,5 % no Estado. Pola contra, o paro cae en Galicia un 3,3 %, mentres que no conxunto estatal medra un 2,3 % respecto do trimestre anterior.

A ocupación masculina aumenta en 8.600 empregos e a feminina en 5.300. Con estes datos, de cada 100 persoas ocupadas, 49 son mulleres. Ademais, o emprego a xornada completa medra en 24.000 postos, mentres que o emprego a tempo parcial se reduce en 10.000, situando a taxa de parcialidade no 12,7 %.

A taxa de actividade galega sitúase no 53,7 %, catro décimas máis que hai tres meses, pero aínda case seis puntos por debaixo da estatal. En comparación co mesmo período do ano anterior, Galicia conta con 20.100 persoas ocupadas máis e 9.900 desempregadas menos.

Situación por sectores

A creación de emprego concéntrase no sector servizos (+27.000 persoas) e no sector primario (+100). Pola contra, pérdense empregos na industria (-5.900) e na construción (-7.500). Por ramas, o comercio (+25.800) e a Administración pública (+7.300) lideran o crecemento, mentres que a construción e a industria manufactureira rexistran as maiores caídas.

O saldo do emprego asalariado deixa 1.000 persoas ocupadas máis, resultado dun aumento de 4.700 empregos temporais e unha perda de 3.700 indefinidos.

No sector público créanse 4.200 empregos e aumentan en 7.000 os contratos indefinidos, mentres o temporal descende en 2.800. No sector privado, pola contra, diminúen en 10.600 os empregos indefinidos, mentres que os temporais medran en 7.600.

⚙ Configurar cookies
0.33691596984863