Galicia domina o Campionato de España Feminino de Pool Bola-9 celebrado no Corgo

A gran protagonista da xornada final foi a compostelá María Teresa “Maite” Ropero, que conquistou a medalla de ouro tras superar na final á asturiana Mirella Feito
final-billar-feminino-adai
25 May 2026

O Club de Billar Adai puxo fin esta fin de semana aos Campionatos de España Femininos de Pool 2026 cunha última xornada marcada pola disputa da modalidade de bola-9, na que as xogadoras galegas volveron destacar cunha brillante actuación. A competición, organizada baixo o amparo da Real Federación Española de Billar, reuniu durante varios días ás mellores especialistas do panorama estatal.

A gran protagonista da xornada final foi a compostelá María Teresa “Maite” Ropero, representante da Federación Galega, que conquistou a medalla de ouro tras superar na final á asturiana Mirella Feito. A xogadora galega volveu demostrar o seu gran momento de forma e confirmou o seu elevado nivel competitivo tanto a nivel nacional como internacional.

O podio completouse coa catalana Encarnación García e coa ourensá Verónica González, que alcanzaron as semifinais. No caso da xogadora galega, conseguiu ademais subir ao podio por terceira edición consecutiva, consolidando así unha notable regularidade na competición estatal.

A entrega de premios contou coa presenza do alcalde do Corgo, Felipe Labrada, e da concelleira Pilar Bellón, que participaron no acto de clausura dunha cita que deixou un balance moi positivo para o billar galego.

A Federación Galega de Billar pechou os campionatos cun destacado resultado colectivo ao conquistar oito das dezaseis medallas nacionais que estaban en xogo ao longo da competición. Ademais, o triunfo de Maite Ropero permitiulle asegurar a última praza dispoñible para representar a España nos Campionatos de Europa de Pool de 2027.

0.33884596824646