Galicia domina o Campionato de España Sub-21 de taekwondo con once medallas e o título por equipos

A selección galega de taekwondo asinou unha actuación brillante no Campionato de España Sub-21 disputado a pasada fin de semana en Cidade Real, onde conseguiu un total de once medallas —cinco ouros, catro pratas e dous bronces— e proclamouse campioa por equipos nas categorías masculina, feminina e na clasificación xeral.
O combinado galego volveu confirmar o seu gran momento competitivo grazas aos títulos conquistados por Adrián Salanova, Javier Otero, Carla Sesar, Elisa Fernández e Helena García, que revalidaron o dominio galego no campionato nacional.
En categoría feminina destacou especialmente Elisa Fernández, do club Garrapucho, que se proclamou campioa de España en -53 quilos tras superar unha esixente semifinal ante a madrileña Sofía García e impoñerse na final á catalana Anna Ibars. Tamén revalidou o título Carla Sesar, do Natural Sport e adestrando no CGTD, quen dominou con autoridade a categoría de -57 quilos gañando os seus catro combates en dous asaltos.
Outra das grandes protagonistas foi Helena García, do club Dobok, que conquistou o ouro en -73 quilos tras mostrar unha clara superioridade durante toda a competición e resolver a final ante Andrea León, de Baleares, sen necesidade de terceiro asalto.
No cadro masculino, Adrián Salanova, do Maniotas, proclamouse campión de España en -68 quilos tras completar un campionato impecable no que venceu todos os seus combates por 2-0. Na categoría de -54 quilos viviuse ademais unha final integramente galega entre Javier Otero, do Natural Sport, e Adrián Davila, do Kae Sport, con triunfo final para Otero.
As medallas de prata galegas completáronas Ekaterina Rebón, Iago Mallo e Tiago Torea, mentres que os bronces foron para Yaiza Rivadulla e Roi Fraga, ampliando así o excelente balance do equipo autonómico.
Ademais dos éxitos deportivos, Galicia tamén contou cunha ampla representación arbitral no campionato nacional coa participación de Iago Gil, Adrián Maceiras, Concepción Martínez, María Bautista, Odhra Di Martino, Pepe Martínez e Artai Pazos.
Con estes resultados, o taekwondo galego reafirma o seu peso no panorama estatal e consolida unha xeración de deportistas que continúa acumulando títulos e protagonismo nas principais competicións nacionais.