Galicia é unha das comunidades onde se fan máis horas extras, segundo un informe de CCOO

Un estudo de CCOO revela que Galicia supera a media estatal tanto nas horas extras pagadas como nas non remuneradas, con máis de 429.000 horas semanais realizadas en 2024.
Horas Extra
10 Oct 2025

Galicia é unha das comunidades con maior número de horas extras en proporción á súa poboación asalariada. De feito, ten un peso superior á media estatal tanto nas horas pagadas como nas non pagadas. Esta é unha das principais conclusións extraídas polo Gabinete Confederal de Datos Económicos de CCOO, a partir dos microdatos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), sobre a distribución das horas extraordinarias en España durante o ano 2024.

O pasado ano fixéronse en Galicia 253.335 horas extras semanais pagadas, realizadas por 29.600 persoas, e 175.918 horas non pagadas, a cargo de 23.209 persoas. Isto significa que cada traballador ou traballadora galega completou unha media semanal de 8,6 horas pagadas e 7,6 non pagadas. No caso das persoas que realizaron horas extras pagadas, representan o 3,16 % da poboación asalariada galega, mentres que as non pagadas supoñen o 2,48 %.

Galicia, que concentra arredor do 5,07 % do total de persoas asalariadas en España, contribúe cun 6,32 % das horas pagadas e cun 6,46 % das non pagadas. Isto confirma que a intensidade de traballo extraordinario en Galicia é superior á media estatal.

Aínda que Cataluña, a Comunidade Valenciana e Madrid lideran a táboa estatal de horas extras pagadas, Galicia sitúase nun nivel intermedio, por diante de territorios como Castela e León, Castela-A Mancha, Aragón ou as Baleares. No caso das horas non pagadas, só Madrid, Cataluña, a Comunidade Valenciana e Andalucía rexistran cifras máis elevadas.

Os datos de CCOO evidencian un volume significativo de traballo non remunerado en Galicia, o que o sindicato considera «un reflexo da persistencia de prácticas empresariais que vulneran o dereito á compensación económica ou en tempo de descanso».

Por iso, CCOO reclama reforzar os mecanismos de control e inspección, e lembra que todas as horas efectivamente traballadas deben ser aboadas e cotizar, conforme á lexislación laboral vixente. O sindicato tamén anima as persoas traballadoras a acudir a CCOO para recibir asesoramento se cren que se están vulnerando os seus dereitos.

⚙ Configurar cookies
0.30140590667725