Galicia entra no primeiro sandbox europeo de IA co 112

A Xunta participa no primeiro entorno de probas da UE para supervisar sistemas de intelixencia artificial de alto risco, sendo a única administración pública seleccionada. O proxecto galego desenvolverase arredor do 112 Galicia, cun sistema que transcribirá automaticamente chamadas de emerxencia e recoñecerá o idioma da conversa.
A iniciativa conta coa participación da Fundación CITIC da Universidade da Coruña, da Axencia Galega de Emerxencias e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), ademais do Clúster TIC, que difundirá o coñecemento adquirido entre as empresas galegas do sector.
Entre as novidades do proxecto destaca a mellora na calidade das transcricións de audios complexos e a incorporación do inglés, ademais de galego e castelán. O sistema axudará na verificación de datos e poderá empregarse tamén con fins xudiciais.
O director da Amtega, Julián Cerviño, subliñou que participar neste sandbox permitirá coñecer de primeira man o impacto do Regulamento europeo de IA e facilitará un despregamento seguro da tecnoloxía en Galicia. Lembrou que Galicia foi pioneira en aprobar unha lei que garante os dereitos das persoas ante o uso da IA.
O xerente de AXEGA, Marcos Araújo, asegurou que este é un proxecto único en España que permitirá gañar eficacia e mellorar a atención cidadá no 112. Pola súa banda, o director do CITIC, Manuel González Penedo, salientou que este é o único proxecto galego seleccionado dos 12 do Estado, o que consolida o liderado de Galicia en solucións innovadoras con IA.