Galicia, entre as comunidades con menor delincuencia xuvenil, destaca na xornada polo 25 aniversario dos CIEMAS

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, abriu en Santiago de Compostela a xornada conmemorativa polo 25 aniversario dos Centros de Intervención Educativa en Medio Aberto (CIEMAS), celebrada nas instalacións do Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi). No acto, subliñou que Galicia continúa a ser unha das comunidades autónomas con menor taxa de delitos cometidos por menores de entre 14 e 17 anos.
Rey destacou o peso crecente que foron adquirindo estes centros no marco do sistema xudicial. Proba diso é que, o pasado ano, o 86,2 % das medidas notificadas polos xulgados foron en medio aberto, unha cifra que marca un récord histórico na comunidade. Estes datos, engadiu, evidencian a importancia do traballo desenvolvido polos CIEMAS, a súa contribución á loita contra a estigmatización e as elevadas porcentaxes de non reincidencia que se rexistran ano tras ano.
O director xeral agradeceu tamén a dedicación e profesionalidade das entidades do terceiro sector que xestionan estes centros: Fundación Camiña Social, Arela, Fundación Educativa Dignidade e Centro Trama. Subliñou, ademais, que esta xornada serve para poñer en valor a relevancia destes servizos especializados na atención a nenos e adolescentes con responsabilidades penais, así como para compartir experiencias e boas prácticas.
Ao redor de 90 profesionais e representantes institucionais participaron no encontro, que contou tamén coa exposición dun caso práctico a cargo do especialista Ed Hilterman.