Galicia escala nove posicións no ránking europeo das rexións máis innovadoras

Galicia avanzou nove posicións no ránking europeo das rexións máis innovadoras segundo o informe Regional Innovation Scoreboard 2025 da Comisión Europea. A comunidade mellora a súa cualificación en 5,39 puntos, sendo a segunda que máis evoluciona en España, só superada por Canarias e Ceuta.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, valorou este avance como “froito da forte aposta que Galicia está a facer pola investigación e a innovación como base para prepararse para o futuro”. Recordou, neste sentido, que a Xunta aprobou este ano o Plan galego de I+D+i 2025-2027, cunha dotación de 1.300 millóns de euros.
Galicia pasa do posto 155 ao 146 entre as 246 rexións analizadas, consolidándose como unha das 25 zonas europeas con mellor evolución. No contexto estatal, sobe do oitavo ao sexto lugar, por detrás de Cataluña, País Vasco, Madrid, Navarra e Comunidade Valenciana.
O informe destaca como puntos fortes da comunidade a porcentaxe de poboación con estudos superiores, as vendas de novos produtos innovadores e a redución de emisións contaminantes. Galicia tamén segue acurtando distancias coa rexión Norte de Portugal, multiplicando por sete o seu ritmo de crecemento en innovación.
Román Rodríguez sinalou que Galicia xa foi recoñecida polo INE a comezos de ano como a comunidade onde máis medrou o investimento en I+D, o dobre que no conxunto do Estado. A Xunta vén de aprobar tamén o programa Activa I+G+i, dotado con 53 millóns de euros para promover a transferencia de coñecemento e a colaboración entre universidades, centros de investigación e empresas.