Galicia escolle hoxe aos seus representantes en Madrid cun mapa electoral con menos listas e novas siglas

As catro provincias suman 40 candidaturas ao Congreso e 26 á Cámara alta, oito menos que as proclamadas en 2023
papeleta-voto-votar-elecciones-recurso
29 Nov 2026

Galicia volve situarse ante unha cita electoral na que cada provincia debuxará o seu propio mapa de opcións políticas. Hoxe, os electores galegos escollerán os representantes que ocuparán os escanos do Congreso dos Deputados e do Senado nun escenario que conserva boa parte das siglas habituais, pero que tamén incorpora novidades e acordos capaces de modificar a oferta nas papeletas. A primeira fotografía desta convocatoria deixa un dato significativo: 40 candidaturas ao Congreso e 26 ao Senado nas catro circunscricións galegas.

Pero escoller aos nosos representantes implica tamén escoller a un presidente para o Goberno central neste duelo polarizado unha vez máis entre o PP de Alberto Núñez Feijoo e o PSOE de Pedro Sánchez. O socialista adiantou as eleccións confiando en que o movemento social pola situación da vivenda e o sentimento “antifascista” xogue ao seu favor. Na súa contra está unha lexislatura terriblemente convulsa que as análises políticas auguran traerá un cambio de era para calquera dos dous candidatos segundo o que acorden as urnas o último domingo de mes.

Para Feijoo chegou o momento decisivo, no que ten que amosar que ten apoios para liderar o partido e o Estado e reforzar ao PP noutras eleccións moito próximas, as locais, que terán lugar no mes de maio.

Mentres os partidos perfilan as súas estratexias polarizando o voto entre as dereitas e as esquerdas, a poboación tamén mostra a súa postura sobre o que lles preocupa. A xuventude, que nos últimos tempos se mantivo un pouco lonxe da política, volveu saír á rúa para reclamar vivenda e dereitos, sen comprender como as súas preocupacións volven quedar de novo á marxe, para ser utilizados como arma arroxadiza na rivalidade política.

Pero votar á dereita ou votar á esquerda non supón, agás sorpresa, que sexa o que decida quen gobernará os destinos do Estado os próximos catro anos. A previsible falta dunha maioría absoluta para as dúas grandes forzas podería implicar que os partidos de menos representatividade podan servir como peza fundamental para pactar o futuro goberno.

Se de algo saben os últimos gobernantes é de pactos. De feito, o PSOE leva anos no poder, con menos votos que o PP, grazas ao apoio de partidos de menor representatividade na cámara. Por iso, nesta ocasión, os dous invocan o voto “útil” como a única forma de garantir a gobernabilidade.

O PP, pola súa banda, que só conta con VOX para sumar forzas, aspira a poder chegar entre os dous á prezada maioría, nun pacto xa de forma aberta.

Esta cita electoral será clave tamén para o BNG, xa que a formación necesita consolidarse en Madrid. Por iso, será un dos actores centrais da política galega, pero as eleccións xerais ofrecen unha medida diferente desa fortaleza. Segundo a media das enquisas para Galicia, o BNG situaríase arredor do 14 % dos votos e obtería dous deputados no Congreso. Nas xerais de 2023 conseguira o 9,4 % e un escano.

OITO SIGLAS EN TODA GALICIA

A oferta en Galicia volve ser ampla pero máis reducida que anos anteriores nestes comicios. Mentres que para o Congreso se mantén nunha dimensión semellante á das xerais de 2023, a Cámara alta experimenta unha redución máis acusada. Daquela proclamáranse 34 candidaturas ao Senado; agora son 26 as rexistradas. O cambio responde, en boa medida, ao acordo entre o PSOE e Fronte Ampla, que concorren conxuntamente baixo a denominación Senado de Progreso, en lugar de presentar dúas opcións separadas.

O resultado é un panorama electoral no que a diversidade política segue presente, pero se distribúe de maneira desigual segundo a provincia e a cámara á que se aspire. En total, son 13 as formacións que concorren en Galicia. Oito delas estarán nas catro circunscricións, mentres que o resto limita a súa presenza a determinados territorios. Esta diferenza fai que a experiencia electoral non sexa exactamente a mesma para un votante de Lugo que para outro de Pontevedra ou Ourense.

A oferta ao Congreso apenas se afasta da rexistrada nos anteriores comicios. En 2023 presentáranse 42 candidaturas e finalmente proclamáranse 38. Nesta ocasión, as 40 listas distribúense entre as catro provincias, cunha concentración maior en Pontevedra e Ourense.

PP, PSdeG-PSOE, BNG, Fronte Ampla, Podemos, Se Acabó la Fiesta (SALF), Frente Obrero e Vox conforman o grupo de oito formacións que presentan listas ao Congreso nas catro provincias galegas. Son as siglas que permiten identificar unha oferta común para todo o territorio, aínda que a súa presenza non esgota as posibilidades que atoparán os electores en cada circunscrición.

Entre as novidades destaca Se Acabó la Fiesta. A súa presenza nas catro provincias galegas incorpora unha nova sigla ao escenario das xerais e amplía a oferta para os votantes que buscan alternativas ás formacións con maior tradición electoral.

Eleccions-2023-municipais-votar-urna-votacion-papeleta-13

Outro dos cambios é a presenza de Podemos por separado. A súa candidatura independente modifica a configuración do espazo político no que se sitúa a esquerda estatal e engade unha papeleta propia ás opcións dispoñibles. Ao mesmo tempo, o acordo entre o PSOE e Fronte Ampla ten un efecto especialmente visible no Senado, onde ambas as formacións se presentan baixo unha candidatura común.

Xunto ás oito formacións de ámbito galego, hai tres partidos ou organizacións que completan a oferta ao Congreso nalgunhas provincias: o Partido Comunista dos Traballadores da Galiza (PCTG), Escaños en Blanco, Por un mundo más justo e o Partido Animalista con el Medio Ambiente (Pacma). A súa distribución territorial explica parte das diferenzas no número de papeletas que haberá en cada circunscrición.

MENOS FRAGMENTACIÓN

A redución das candidaturas ao Senado é un dos elementos máis destacados destas eleccións en Galicia. Fronte ás 34 listas proclamadas en 2023, nesta convocatoria hai 26 rexistradas. O pacto entre o PSOE e Fronte Ampla explica boa parte deste descenso, ao unificar as dúas formacións nunha única opción electoral para a Cámara alta.

A oferta común en todas as provincias está formada por PP, BNG, Senado de Progreso, Vox e Podemos. Son as cinco papeletas que estarán dispoñibles para os electores de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. A partir dese núcleo compartido, cada circunscrición incorpora outras candidaturas, o que fai que as posibilidades de elección varíen dun territorio a outro.

Pontevedra presenta oito listas ao Senado, Ourense 7 e A Coruña 6, con PCTG, Escaños en Blanco e Por un mundo más justo. Lugo, pola súa banda, queda con cinco.

A PARIDADE

Máis alá das siglas e dos acordos electorais, estas xerais incorporan un cambio na elaboración das candidaturas: a aplicación do sistema de listas cremalleira, que obriga a alternar mulleres e homes na orde das listas ao Congreso. A medida deriva da reforma da lexislación electoral en materia de representación paritaria e supón unha diferenza respecto ao sistema aplicado nos comicios de 2023.


Así funciona o sistema de votación en España: como se elixen o Congreso e o Senado

composicion congreso 2026composicion congreso 2026

O sistema electoral español establece un modelo mixto para elixir os seus representantes. A cidadanía vota de forma universal, libre, igual, directa e secreta, pero a forma de repartir os escanos e os criterios de elección son distintos no Congreso dos Deputados e no Senado.

O CONGRESO

O Congreso, composto por 350 deputados, é a cámara baixa e a que ten o maior peso na formación do Goberno. Os seus membros elíxense en 52 circunscricións electorais, que corresponden ás 50 provincias e ás cidades autónomas de Ceuta e Melilla. Cada provincia ten garantidos dous escanos iniciais, mentres que as cidades autónomas elixen un cada unha. O resto de deputados repártese en función da poboación.

Os partidos presentan listas pechadas, polo que o elector vota unha candidatura completa. Os escanos adxudícanse mediante o sistema D’Hondt, un método proporcional que busca repartir os postos segundo o número de votos obtidos por cada formación en cada circunscrición. Ademais, é necesario alcanzar polo menos o 3 % dos votos válidos para participar no reparto de escanos.

O SENADO

O Senado, pola súa banda, é a cámara de representación territorial e está formado por 266 senadores: 208 elixidos directamente pola cidadanía e 58 designados polos parlamentos das comunidades autónomas.

Os senadores de elección directa elíxense en 60 circunscricións. A diferenza do Congreso, aquí utilízanse listas abertas, polo que o elector pode escoller candidatos concretos, mesmo de partidos diferentes. O número de votos que se pode emitir varía segundo a circunscrición: ata tres nas provincias peninsulares, dous nas illas maiores e un nas restantes illas e en Ceuta e Melilla. Os candidatos máis votados son os que resultan elixidos.

Os 58 senadores designados elíxense nos parlamentos autonómicos. Cada comunidade ten un senador inicial e outro máis por cada millón de habitantes.

A REPRESENTACIÓN

En resumo, no Congreso os votos repártense entre os partidos e convértense en escanos mediante un sistema proporcional por provincias. No Senado, a cidadanía vota candidatos individuais e resultan elixidos os máis votados. Esta diferenza fai que o voto teña consecuencias distintas nas dúas cámaras e que o sistema electoral español combine a proporcionalidade coa representación territorial.

A IMPORTANCIA DA POBOACIÓN

O sistema D’Hondt e a barreira do 3 % poden ter un gran impacto no resultado final. Un partido pode obter unha porcentaxe importante de votos no conxunto do Estado e, con todo, conseguir menos escanos dos que se podería esperar se os seus apoios están moi repartidos.

No caso do Senado, o número de senadores non é fixo, senón que varía segundo a poboación de cada territorio. As eleccións ao Senado teñen un carácter máis territorial, mentres que o Congreso reflicte mellor a proporción de votos a nivel estatal.

O sistema electoral español, en definitiva, busca equilibrar a representación da cidadanía, o peso da poboación e a realidade territorial do país, aínda que non está exento de críticas e debates sobre a súa maior ou menor equidade.

0.37367796897888