Galicia levouse dous bronces no Drácula Open júnior de Bucarest

Os deportistas do Kae Sport, Carla Álvarez e Pablo Antelo, subiron ao podio na competición internacional, na que tamén se rexistraron varios quintos postos
taekwondo-junior
28 Oct 2026

O taekwondo galego sumou dúas medallas de bronce na categoría júnior do Drácula Open, disputado a pasada fin de semana en Bucarest. Carla Álvarez, na categoría de -68 quilos, e Pablo Antelo, na de -73, ambos do Kae Sport, conseguiron subir ao podio tras completar unha boa actuación no torneo.

Carla Álvarez alcanzou as semifinais despois de superar en cuartos de final á italiana Amanda Melacca en dous asaltos. Na seguinte rolda, a deportista galega non puido vencer a Anna Gertru Gruber, tamén de Italia, polo que rematou a competición coa medalla de bronce.

Pola súa banda, Pablo Antelo logrou o pase ás semifinais tras impoñerse en dous asaltos a Amir Itzari, dos Países Baixos. Na loita por acceder á final, o representante do Kae Sport caeu ante o moldavo Dumitru Bucico, que acabou proclamándose campión da categoría.

A expedición do Kae Sport estivo dirixida polo seu director, Carlos Manzano, e contou con oito deportistas: sete do propio club e unha representante do Garrapucho. Ademais dos dous bronces, Daniel Durán, Mario Faro e Diego Vidal acadaron o quinto posto na categoría júnior, mentres que Raquel Morell e Adrián Dávila fixeron o propio na sénior. Elisa Fernández, deportista do Garrapucho, caeu na primeira rolda ante unha representante de Francia.

O torneo tamén contou coa participación de deportistas do Número Phi. Aínda que nesta ocasión non conseguiron medallas, Roi Fraga rematou na quinta posición. Ademais, o xuíz internacional Adrián Maceiras representou a arbitraxe galega na competición disputada na capital romanesa.

0.40673613548279