Galicia mellora nos datos de emprego xuvenil, pero a mocidade segue atrapada na precariedade

CCOO alerta de que o avance no emprego non se traduce en mellores condicións de vida e reclama políticas públicas efectivas para garantir vivenda accesible, emprego digno e oportunidades reais de emancipación.
Empleo Juvenil
4 Jul 2025

A mellora nos datos de emprego xuvenil en Galicia non está a ter un reflexo real na calidade de vida das persoas mozas. Así o denuncia CCOO tras analizar o Informe Juventud en España 2024, elaborado polo Injuve, que ofrece unha radiografía preocupante da situación da mocidade galega: persisten graves dificultades para acceder á vivenda e iniciar un proxecto de vida autónomo.

O informe destaca algúns avances positivos, como a redución do abandono escolar (do 29,2 % no ano 2000 ao 9,1 % en 2023) ou a baixada da taxa de mocidade que nin estuda nin traballa (menos do 11 %, fronte ao 13,2 % estatal). Porén, estas melloras non se traducen nunha transformación estrutural: a precariedade laboral, os contratos parciais e a falta de estabilidade impiden a emancipación real.

CCOO sinala que Galicia, onde só o 18 % da poboación é moza, está a perder talento e futuro pola ausencia de políticas efectivas. A central reclama un plan urxente que aborde o acceso á vivenda como un dereito fundamental. O encarecemento dos prezos do alugueiro, moi por riba dos salarios, obriga a moitas persoas novas a destinar máis do 30 % dos seus ingresos á vivenda, superando os límites recomendados polos estándares de equidade social.

Critican tamén a escasa efectividade dos programas da Xunta, como os avais hipotecarios, e a súa negativa a aplicar a lexislación estatal que permitiría regular prezos e ampliar o acceso. Para reverter esta situación, CCOO propón ampliar o parque público de vivenda en alugueiro, regular os alugueiros turísticos, recuperar inmobles baleiros para uso social e garantir que ningún inquilino teña que dedicar máis do 30 % dos seus ingresos á vivenda.

⚙ Configurar cookies
0.2693030834198