Galicia perde dous comercios ao día en agosto mentres o pequeno comercio segue pechando

Galicia volveu perder traballadores autónomos no mes de agosto. O Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) pechou o mes con 204.899 afiliados, 141 menos que en xullo e 71 menos que no mesmo período de 2025. A evolución contrasta coa do conxunto de España, onde o número de autónomos aumentou en 1.067 respecto a xullo e en 58.044 no último ano, ata os 3.463.749.
A principal preocupación para UPTA-AGTAMAR sitúase no comercio polo miúdo, que perdeu 66 autónomos nun só mes e quedou en 38.189 afiliados. Segundo a organización, esta caída equivale ao peche neto de máis de dous negocios cada día durante agosto.
A entidade alerta do deterioro dunha actividade considerada clave para Galicia, especialmente nos municipios pequenos e nas zonas rurais, polo seu papel na xeración de actividade económica e emprego, na prestación de servizos de proximidade e na fixación de poboación.
O presidente de UPTA España, Eduardo Abad, advertiu de que “o comercio galego está tocado” e sinalou que “perder dous comercios ao día durante agosto demostra que temos un problema que xa non podemos seguir ignorando”. Ao seu xuízo, cada peche dificulta manter vivos os barrios e os núcleos rurais.
A evolución de agosto tamén deixa descensos noutros sectores tradicionais. A hostalaría perdeu 87 autónomos, a agricultura 56, a industria manufactureira 34, a educación 23 e o transporte cinco. Pola contra, a construción incorporou 75 afiliados, mentres que as actividades profesionais, científicas e técnicas sumaron catro e as actividades sanitarias e de servizos sociais, dous.
UPTA reclama unha estratexia específica para o comercio minorista que permita actuar sobre os custos, impulsar a modernización e facilitar o relevo xeracional. “Se manter aberto un pequeno comercio deixa de ser viable, o peche termina sendo irreversible e recuperar despois ese tecido económico é moitísimo máis difícil”, advertiu Abad.