Galicia perde oito de cada dez empregos creados en decembro e o paro sobe con máis forza entre as mulleres

CCOO advirte da forte estacionalidade do emprego no sector servizos e reclama á Xunta de Galicia políticas de emprego de maior valor engadido
Trabajo
4 Feb 2026

Os datos do paro correspondentes ao mes de xaneiro confirman unha forte destrución de emprego en Galicia tras a campaña de Nadal. O desemprego rexistrado incrementouse en 3.313 persoas, un 2,8 %, unha suba moi superior á rexistrada no conxunto do Estado, que foi do 1,2 %.

A afiliación á Seguridade Social tamén reflicte esta tendencia negativa, cunha perda de 1.661 persoas afiliadas no último día do mes respecto a decembro, o que supón un descenso do 0,1 %. A afiliación media mensual caeu en máis de 13.400 persoas.

Desde CCOO sinalan que esta evolución responde á finalización da contratación ligada ás campañas de Nadal e rebaixas, un fenómeno recorrente pero que evidencia a elevada dependencia da economía galega de actividades de baixo valor engadido, especialmente no sector dos servizos.

O sindicato advirte de que este modelo produtivo afecta de maneira especial ás mulleres. En Galicia hai actualmente 66.825 mulleres no desemprego fronte a 48.319 homes, polo que seis de cada dez persoas paradas son mulleres. Só no mes de xaneiro, o paro feminino aumentou en máis de 2.100 persoas.

Por sectores, o desemprego só descendeu na construción, con 72 persoas paradas menos. Pola contra, subiu no sector primario, na industria e, especialmente, nos servizos, onde se rexistraron 2.884 persoas desempregadas máis, un incremento do 3,6 %.

En canto á contratación, en xaneiro formalizáronse en Galicia 51.705 contratos, 3.060 menos ca no mes anterior. Destaca como dato positivo o incremento da contratación indefinida, que medrou un 17,9 % e representa xa o 32,2 % do total, aínda que continúa por debaixo da media estatal.

A afiliación á Seguridade Social amosa caídas significativas no comercio, na hostalaría e na sanidade, sectores fortemente feminizados, o que reforza a análise de xénero do mercado laboral galego.

CCOO insiste na necesidade de que a Xunta de Galicia impulse políticas que permitan desestacionalizar o emprego, apostar por actividades de maior valor engadido e adoptar medidas urxentes para dignificar o emprego feminino e reducir a precariedade estrutural.

⚙ Configurar cookies
0.23860216140747