Galicia quere construír un prototipo para o futuro colisionador de partículas do Cern

Con esta finalidade, lánzase unha consulta previa ao mercado para que as empresas interesadas na fabricación do mesmo poidan presentarse ata o 9 de xullo
investigadores-antena-uvigo-ourense
10 Jun 2026

Galicia aspira a construír un prototipo para o futuro colisionador de partículas do CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear), un dos proxectos científicos e tecnolóxicos máis ambiciosos no ámbito internacional e cun enorme potencial industrial nos próximos anos. A iniciativa, que se presenta como un novo fito para a I+G+i e que pon de manifesto a capacidade e excelencia do ecosistema científico galego, é posible grazas á colaboración da Xunta, do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), un centro mixto do Goberno autonómico e da Universidade de Santiago de Compostela (USC) cunha longa experiencia e traxectoria de cooperación co CERN.

Coa finalidade de chegar a construír en Galicia dito prototipo, lánzase xa unha consulta preliminar ao mercado para que as empresas interesadas na fabricación do mesmo poidan expresar o seu interese ata o día 9 de xullo. A través desta consulta, búscase coñecer o grao de desenvolvemento de tecnoloxías novidosas e relevantes no ámbito dos colisionadores de partículas para facer o prototipado completo e preindustrialización dunha sección representativa do Futuro Colisionador Circular (FCC-Future Circular Colider). Esta consulta marca o inicio do proceso de compra pública innovadora na modalidade de contratación precomercial levada a cabo polo CDTI e destinada a articular a participación de empresas e outros axentes do ecosistema de I+D+i neste reto.

Trátase dunha iniciativa estratéxica para a I+G+i, a ciencia con selo galego, xa que implicará tanto á universidade como ao tecido industrial especializado no ámbito dos aceleradores de partículas. Dada a magnitude do proxecto e a súa complexidade científica, técnica e financeira, é preciso o traballo conxunto entre varias institucións. Neste senso, a Xunta agradece esta colaboración para establecer un esquema común que permita desenvolver a proposta e anima a empresas e entidades a participar nesta primeira fase de consultas preliminares. Precisamente, o próximo 23 de xuño celebrarase no IGFAE unha xornada para explicar a axentes interesados as claves de participación neste proceso, así como os obxectivos e o alcance que terá no ámbito galego, nacional e internacional. Os interesados en participar poden inscribirse na sección de eventos de gain.xunta.gal.

Tanto a compra pública precomercial, como tamén o evento que se celebrará o día 23, están dirixidos a empresas que, aínda que non traballasen previamente nestas cuestións, contan con capacidades nalgún dos seguintes ámbitos: electromagnetismo (deseño e caracterización de sistemas magnéticos), ultra alto baleiro (deseño de cámaras e recubrimentos especiais), mecánica de precisión, metroloxía e aliñamento (fiducialización e posicionamento preciso), robótica e automatización (sistemas de operación remota), instrumentación e control (sensores e monitorización), simulación avanzada (modelos electromagnéticos, términos, estruturais e hidráulicos) e intregración e validación (cualificación e industrialización de sistemas complexos).

A compra pública precomercial é un instrumento polo que unha administración pública contrata actividades de investigación e desenvolvemento (I+D) para crear solucións innovadoras que aínda non existen no mercado e que poden resolver necesidades públicas concretas. O obxectivo é estimular o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación empresarial ao tempo que posibilitar ao sector público acceder a solucións máis avanzadas e adaptadas aos seus retos futuros. Para o financiamento desta contratación, CDTI destinará fondos do Programa Plurirrexional do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), programa que inclúe financiamento asignado a Galicia pola Unión Europea para impulsar proxectos estratéxicos neste eido.

Neste caso, a Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación, actúa como comprador público, e o IGFAE, como promotor científico técnico, é o centro de coñecemento que define, monitoriza e valida o prototipo cuxo destino final sería o CERN, o laboratorio de física de partículas máis grande e importante do mundo situado en Xenebra (Suíza), onde se integraría con outros modelos para un futuro acelerador de nova xeración.

Este proxecto aliñado coa Galicia Calidade representa unha oportunidade estratéxica para situar a nosa Comunidade nunha posición destacada dentro dun dos proxectos científicos e tecnolóxicos máis ambiciosos do mundo, cun enorme potencial para os próximos anos. O colisionador para o que se desenvolverá o prototipo será unha infraestrutura científica de máis de 90 quilómetros de circunferencia situada baixo a fronteira entre Francia e Suíza. Ademais do seu papel esencial na investigación en física fundamental, impulsará avances en ámbitos con aplicación directa na sociedade, como os materiais supercondutores, os aceleradores e detectores para uso médico, a enerxía ou os sistemas de transmisión eléctrica.

0.35187196731567