Galicia recibirá 3,02 millóns de euros en axudas para a compra de fertilizantes, que chegarán a 3.299 agricultores

A Coruña concentrará 1,43 millóns de euros, seguida de Lugo con 913.913 euros, Ourense con 508.184 e Pontevedra con 169.901 euros
terras-agricolas-cultivos
4 Sep 2026

Un total de 3.299 agricultores galegos figuran no primeiro listado de beneficiarios das axudas extraordinarias habilitadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para facilitar a compra de fertilizantes, cunha contía global de 3.024.944,19 euros para Galicia.

En toda España, estas axudas chegarán a 249.376 agricultores, que percibirán un total de 494,57 millóns de euros. O Ministerio publicará proximamente unha segunda relación de potenciais beneficiarios.

Por provincias, A Coruña é a que concentra a maior contía, con 1.432.945,71 euros correspondentes a 1.506 agricultores. Séguelle Lugo, con 913.913,47 euros para 1.131 beneficiarios. En Ourense, as axudas ascenden a 508.183,86 euros e alcanzan 391 agricultores, mentres que Pontevedra suma 169.901,15 euros para 271 beneficiarios.

A medida está recollida no Plan Integral de Resposta á Crise de Oriente Medio, aprobado a través do Real Decreto-lei 7/2026, e conta cunha dotación total de 700 millóns de euros para compensar o incremento do prezo dos fertilizantes, unha das materias primas que máis se encareceron como consecuencia do conflito bélico.

Os agricultores beneficiarios poderán recibir ata 92,5 euros por hectárea nos cultivos de regadío e ata 38,33 euros por hectárea nos de secaño. O obxectivo da medida é reducir o impacto do encarecemento dos fertilizantes nas explotacións e facilitar que se manteñan uns niveis adecuados de fertilización para garantir a produción agrícola sen provocar un aumento excesivo dos custos nin repercutir nun encarecemento dos alimentos.

0.31436204910278