Galicia regresa dos ‘World Games 2026’ de fútbol gaélico con tres trofeos

As seleccións feminina A e masculina A acadaron a vitoria na copa Shield, e a Selección Feminina B foi campioa na segunda división
seleccions-galegas-futbol-gaelico
18 Jul 2026

A Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) regresa orgullosa do conseguido polos catro equipos que representaron a Galicia nos World Games 2026: dos catro conxuntos participantes, tres acadaron trofeo.

Triplete de campionatos galegos nos World Games 2026 de fútbol gaélico. A competición tivo lugar na localidade irlandesa de Waterford. Galicia foi con catro seleccións galegas (dúas femininas, e dúas masculinas) a esta cita, a máis importante desta disciplina no ámbito internacional, na que participaron equipos dos cinco continentes.

A Selección Galega A feminina conseguía o triunfo na copa Shield. O conxunto adestrado por Pablo da Silva finalizaba no terceiro lugar a fase de grupos na Primeira División, onde compiten os mellores equipos do mundo por ránking. Pese a ese resultado, Galicia non puido acceder a competir pola final A, a chamada Cup, e accedeu á loita pola copa Shield, da que si resultou vencedora.

Nas semifinais desta segunda fase competitiva a Selección Galega A feminina vencía ao equipo de Middle East. Xa na final as galegas enfrontáronse ao conxunto de Canada A. O triunfo de Galicia foi por 9-5 (1-06 / 0-05). O partido estivo loitado pero un gol na recta final do choque outorgou certa tranquilidade ás galegas que alzaron a copa Shield dentro da Primeira División feminina nos World Games 2026.

A Final A xogarana Francia A e USA San Francisco.

A Selección Galega A masculina tamén venceu a copa Shield. Galicia foi cuarta na fase de grupos, quedou por diante do combinado de Arxentina. Tal e como aconteceu co equipo feminino, Galicia A estaba encadrada na Primeira División cos mellores conxuntos do mundo. Ese cuarto lugar na fase de grupos colocou aos futbolistas galegos fóra da final A (Cup), pero deulles acceso a pelexar pola copa Shield onde si resultaron vencedores.

Na semifinal da copa Shield gañaron a Canada Quebec (7-3). Xa na final, Galicia impoñíase 17-9 (1-14 / 2-03) a Brittany A e levantaba o trofeo. Os bretóns fixéronlle o pasillo aos galegos ao finalizar o encontro demostrando, unha vez máis, que nesta disciplina deportiva a rivalidade está só no campo e fóra del os equipos gozan xuntos de compartir a súa paixón polo fútbol gaélico.

A final A disputarana USA San Francisco e Great Britain SM.

No caso da Selección Galega Feminina B as futbolistas de Galicia resultaron campioas na Segunda División, que era na categoría na que competían segundo o seu ránking. A superioridade da Selección Galega Feminina B foi notable nesta categoría.

O equipo de feminino Galicia B venceu na semifinal 16-1 ao conxunto de Canadá B, e unha vez chegadas á final A da Segunda División impuxéronse por un marcador de 12-4 (2-06 / 0-04) ao US San Francisco. As americanas marcaron dous tantos no final do partido e non tiñan perdido en todos os World Games 2026 ata que Galicia se cruzou no seu camiño no partido decisivo da segunda división.

A Selección Galega Masculina B caeu nos cuartos de final ante Occitania (Siroc) na Segunda División (categoría na que competían en función do seu ránking) logo de empatar a 13 e ir aos penaltis onde o seu rival foi superior.

Pablo da Silva: “Seguimos mellorando”

O seleccionador do equipo de Galicia feminino A, Pablo da Silva, manifestaba estar “moi contento por ter acadado obxectivos, como clasificar ao equipo B para a súa final e gañala”. Tal e como explicaba Pablo da Silva: “No caso do A tivo unha fase de grupos moi complicada contra dos mellores equipos da categoría tivemos que ir a Shield por pouco, xa que empatamos o último partido, pero estamos moi contentas, desfrutamos e gañamos a todos os rivais importantes que era un obxectivo. A seguir desfrutando e intentalo para a próxima”

Consultado sobre o desempeño das catro seleccións galegas nestes World Games 2026 o técnico galego explicaba que a súa lectura é moi boa dado que “seguimos mellorando, seguimos competindo contra os rivais. O fútbol gaélico continúa a evolucionar no ámbito mundial. O importante de todo isto é que cada vez que vimos seguimos competindo, pelexando e estamos cada vez máis preto”.

Rematada esta nova experiencia das seleccións galegas na máxima competición internacional desta disciplina, a Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) xa ten a mirada posta en novos retos, en seguir asentando a práctica desta disciplina en Galicia a través das Gaélico Escolas PuntoGal e, por suposto, pensando na seguinte cita dos World Games que será no 2029.

Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) enviou aos World Games 2026 unha delegación composta por 64 integrantes entre futbolistas e corpos técnicos. Viaxaron 14 futbolistas por equipo, 2 reservas, 4 técnicos e 2 persoas do staff.

Conseguir que a delegación galega fose así de ampla foi posible grazas ao apoio das persoas que se sumaron ao Crowdfunding World Games 2026 que puxo en marcha a Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) para recadar cartos para custear estes desprazamentos. Neste Crowdfunding cómpre agradecer a colaboración da marca galega Acontravento que aportou diferentes recompensas relacionadas coa roupa oficial da selección galega de fútbol gaélico.

Diferentes administracións colaboraron co proxecto. Foi o caso de Turismo de Galicia, Deporte Galego, e a Real Federación Galega de Fútbol. Ademais as Seleccións Galegas fixeron promoción da provincia en Waterford da man da Deputación da Coruña.

0.32858109474182