Galicia rexistra o mellor agosto en afiliacións con 1.134.483 cotizantes e iguala o mínimo de paro co ano pasado

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración valorou hoxe os últimos datos de desemprego e destacou que a cifra de cotizantes é a segunda mellor rexistrada nunca, só por detrás do máximo logrado en xullo
hostalaria
2 Sep 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, valorou esta mañá os últimos datos de paro rexistrado e afiliacións á Seguridade Social, destacando que Galicia acadou o pasado mes 1.134.483 cotizantes, o mellor agosto de toda a serie histórica (desde 2004) e a segunda mellor cifra rexistrada nunca, só por detrás do máximo absoluto logrado en xullo. Canto ao paro, a Comunidade iguala —con 109.691 persoas— o nivel de desemprego máis baixo de toda a seria histórica para un mes de agosto (desde 1996), xa acadado hai un ano.

No referido ás afiliacións, medran na comparativa anual un 2,09 %, o que supón 23.276 cotizantes máis ca en agosto de 2025. Respecto do pasado mes de xullo, diminuíron por mor do remate da temporada do verán —segundo explicou o conselleiro— pero a un ritmo inferior ao de España. Así, en Galicia baixaron as afiliacións en 1.466 persoas (-0,13 %), fronte ao -0,72 % do conxunto do Estado (-162.840 persoas).

Canto ao paro, sitúase exactamente no mesmo nivel que hai un ano, rexistrándose unha caída a nivel anual en todos os sectores económicos, liderada polo primario (-7,76 %), seguido da construción (-6,14 %), da industria (-4,47 %) e dos servizos (-1,21 %).

En relación cos colectivos prioritarios, tanto as mulleres como as persoas paradas de longa duración acadan o menor nivel de desemprego para un mes de agosto de toda a serie histórica (desde maio de 2005). No caso das mulleres, o paro redúcese en 75 persoas (-0,11 %) con respecto ao ano anterior; mentres entre as persoas paradas de longa duración, a baixada é de 241 persoas (-0,44 %).

Na comparativa mensual, o paro sobe en Galicia un 2,21 % (+2.369 persoas), nun contexto de incremento xeneralizado no conxunto das comunidades autónomas. En palabras do titular de Emprego, neste caso explícase pola finalización de contratos do verán pero tamén polo proceso extraordinario de regularización, que continuará incorporando persoas ás estatísticas de paro nos vindeiros meses.

Segundo salientou José González, estes datos cómpre analizalos desde unha perspectiva de medio e longo prazo. Desde a Xunta, comprometeuse a seguir traballando para garantir un mercado laboral forte, dinámico e inclusivo e a continuar implementando políticas activas de emprego en colaboración cos axentes sociais.

0.32387185096741