Galicia rexistra un récord histórico no primeiro semestre con case 3 millóns de viaxeiros e un crecemento do 4,5%

Galicia pechou o primeiro semestre de 2025 cun récord histórico de visitantes. Segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), 2.967.407 viaxeiros hospedáronse en establecementos galegos entre xaneiro e xuño, acumulando 4.961.113 noites. Isto supón un incremento do 4,5% en viaxeiros e do 3,8% en pernoitas con respecto ao mesmo período de 2024.
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, anunciou estas cifras en Sanxenxo, durante o acto de entrega do distintivo Galicia Calidade ao Gran Talaso Hotel Sanxenxo. Merelles destacou que “son os mellores datos en once anos e confirman a boa marcha do destino galego, tamén fóra de tempada alta”.
O turismo internacional representou o 39,6% dos viaxeiros no semestre, cun crecemento do 5,5%, mentres que o turismo nacional, tanto interno como doutros puntos de España, supuxo o 57,6%.
En xuño, o número de viaxeiros aumentou un 6,7% (814.138 visitantes) e as noites un 7%, superando os 1,4 millóns.
Galicia, destino termal
O Gran Talaso Hotel Sanxenxo, situado no paseo de Silgar, recibiu o selo Galicia Calidade pola excelencia dos seus servizos de hospedaxe, restauración e benestar. É o único talaso con esta certificación, sumándose aos balnearios de Caldaria en Arnoia, Lobios, Laias e Abadía.
Merelles destacou o modelo turístico do establecemento, “baseado na autenticidade, o confort e a identidade galega, cunha experiencia diferencial nun enclave privilexiado das Rías Baixas”. As súas instalacións, que inclúen spa, piscina e tratamentos, complétanse cunha oferta gastronómica de produto galego de proximidade.
Actualmente, a oferta termal da comunidade está formada por 20 balnearios e 4 talasos.
Galicia Calidade no turismo
A marca Galicia Calidade, integrada en Turismo de Galicia, certifica a calidade de produtos e servizos galegos. No eido turístico, conta con 52 empresas ou servizos certificados: 30 restaurantes, 13 hoteis, 8 casas de turismo rural, 1 cámping e 13 instalacións náuticas.