Galicia será pioneira en prohibir o consumo de bebidas enerxéticas e vapeadores en menores de idade

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello aprobou este luns o Proxecto de Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas aditivas, co que Galicia se situará á vangarda na regulación do consumo de vapeadores e bebidas enerxéticas.
Segundo explicou, a norma equiparará os vapeadores ao tabaco e as bebidas enerxéticas ao alcohol, prohibindo a súa venda e consumo ás persoas menores de idade. “Galicia será a primeira comunidade de España en facelo”, destacou.
A proposta, que incorpora achegas de diferentes sectores, organismos públicos e da cidadanía, será agora remitida ao Parlamento para a súa tramitación, co obxectivo de que quede aprobada antes de final de ano.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou que se trata dunha norma “valente e necesaria”, baseada en evidencias científicas, que tamén regula adiccións sen substancia como o xogo ou o uso problemático das tecnoloxías. Entre as medidas destaca:
Prohibición de fumar a menos de 50 metros dos accesos a centros sanitarios, educativos e administrativos, marquesiñas de transporte e piscinas públicas.
As sancións poderán substituírse por programas de prevención ou traballos en beneficio da comunidade.
Nos controis do programa de saúde infantil incluiranse intervencións preventivas sobre o consumo de tabaco, alcohol, cánnabis, bebidas enerxéticas e tecnoloxías dixitais.
As bebidas enerxéticas deberán exhibirse separadas dos refrescos, e quedará prohibido o seu consumo e venda a menores.
A venda de alcohol quedará prohibida en centros educativos, de ocio infantil, recreativos e eventos dirixidos a menores.
A Xunta tamén creará unha comisión de prevención das adiccións en Galicia, con participación de áreas da administración autonómica, entidades locais e organizacións sociais.