Galicia supera os 6,6 millóns de turistas ata outubro e recoñece a 70 empresas do Barbanza-Arousa co distintivo SICTED

O director de Turismo, Xosé Merelles, participou en Rianxo na entrega das distincións SICTED a 70 empresas do xeodestino Barbanza-Arousa, onde lembrou que está en marcha un Plan de Sostibilidade Turística dotado con 1,5 millóns de euros
Turismo Pontevedra
3 Dec 2025

Máis de 6,63 millóns de turistas visitaron Galicia entre xaneiro e outubro deste ano, xerando 12,35 millóns de pernoitas, unhas cifras que medran por enriba do 2% respecto ao mesmo período de 2024. Así o destacou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, durante a Gala de Turismo Barbanza-Arousa, celebrada en Rianxo.

O acto serviu para entregar as distincións do Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos (SICTED) a un total de 70 establecementos e empresas ligadas ao sector turístico do xeodestino, entre elas aloxamentos, restaurantes e compañías de servizos.

Merelles subliñou que a calidade e excelencia dos servizos turísticos son “elementos fundamentais” para consolidar Galicia como destino competitivo e atractivo, lembrando que o gasto medio do turista no segundo semestre de 2025 acada os 114,69 euros, un 5,8% máis que no ano anterior.

“O noso modelo baséase nun destino serio, profesional e diferenciado, sustentado na calidade, a sostibilidade, a cultura e as boas prácticas”, afirmou o director de Turismo.

Durante a súa intervención, tamén lembrou que no xeodestino Barbanza-Arousa está en execución o Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) “Viaxe a través da historia dos sabores”, cun investimento de 1,5 millóns de euros.

Ademais, puxo en valor o papel da Mancomunidade Barbanza-Arousa no impulso da actividade turística da comarca, que entre xaneiro e outubro sumou máis de medio millón de visitantes e preto de 1,4 millóns de pernoitas en establecementos de aloxamento.

⚙ Configurar cookies
0.24056005477905