Galicia valora positivamente o recurso do Estado contra o veto á pesca de fondo en 87 zonas do Atlántico

A Xunta de Galicia manifestou a súa satisfacción pola decisión do Goberno central de recorrer ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea a sentenza que avala o veto á pesca de fondo en 87 zonas do Atlántico Nororiental. A medida fora aprobada pola Comisión Europea a través do Regulamento de Execución (UE) 2022/1614, afectando directamente a máis de 200 embarcacións galegas e de xeito indirecto a case mil da frota de artes menores.
A conselleira do Mar, Marta Fernández-Tapias, cualificou este paso como “un avance moi relevante” porque permitirá á Xunta participar activamente no proceso como parte interesada. A Administración galega leva meses traballando da man do sector e coordinando accións tanto no plano político como xurídico para defender unha modalidade de pesca que consideran “selectiva, sostible e con impacto ambiental moi limitado sobre os ecosistemas mariños vulnerables”.
A sentenza do pasado mes de xuño desestimara os recursos presentados polo Reino de España, a OPP de Burela e dezaseis armadoras con base en Galicia, que contaron co apoio da Xunta como coadxuvante. A nova ofensiva xudicial do Estado español, mediante recurso de casación, supón unha nova oportunidade para expor argumentos centrados en dereito, segundo explicaron fontes da Xunta, e reforzar con datos técnicos a posición do sector.
Desde a OPP de Burela agradeceron publicamente ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, a decisión de seguir loitando no ámbito europeo. A organización puxo en valor o traballo conxunto entre o Goberno central, a Xunta de Galicia e o propio sector pesqueiro para argumentar que o regulamento europeo aplicou unha metodoloxía inadecuada, baseada no impacto do arrastre, a todas as artes de pesca, sen considerar a súa afectación real nin os estudos socioeconómicos correspondentes.
Segundo lembran desde Burela, só o 32% das áreas vetadas presentan indicios de conter ecosistemas vulnerables, mentres que o 68% restante foi pechado por aplicación dun modelo xeralista sen distincións. Ademais, recalcan que organismos como o ICES e o STECF xa advertiran da falta de datos e da necesidade de realizar avaliacións específicas para cada arte.
Tanto desde o Executivo galego como desde o sector coinciden en que esta vía xudicial mantén vivas as esperanzas de reverter unha decisión que consideran “desproporcionada e inxusta” para Galicia, e comprométense a continuar traballando nunha normativa europea máis xusta e axustada á realidade da frota.