Galiza leva a súa solidariedade a Palestina cunha columna propia na Marcha a Gaza

A Coordenadora Galega de Solidariedade coa Palestina anunciou hoxe en Compostela o seu apoio á Marcha a Gaza, unha iniciativa internacional que busca denunciar o bloqueo imposto por Israel e visibilizar a urxente necesidade de permitir a entrada de axuda humanitaria. O movemento, apoiado por sindicatos, organizacións de dereitos humanos e colectivos de solidariedade de 37 países, suma tamén a participación galega cunha columna propia.
Desde Galiza, doce persoas xa están anotadas para integrarse na columna galega. Os activistas Xan Lopes e Inácio Martínez explicaron que partirán o 11 de xuño cara a O Cairo, desde onde se desprazarán en autocarro até El Airish e desde alí marcharán a pé até a fronteira de Rafah, ás portas de Gaza.
A marcha ten tres obxectivos principais: denunciar o bloqueo a Gaza, exixir a reapertura do paso de Rafah para permitir a entrada de máis de 3000 camións con alimentos e medicinas, e visibilizar o sufrimento da poboación gazatí sometida á fame forzada desde o peche da fronteira o pasado 2 de marzo.
En paralelo, a Coordenadora convoca concentracións en máis de 36 vilas e cidades galegas o luns 16 de xuño, en apoio ás marchas desde Exipto e para denunciar o que cualifican como un crime contra a humanidade.
Ademais, exixen á Xunta de Galicia que garanta a protección das persoas participantes nesta misión humanitaria, que non está exenta de riscos. As participantes na marcha comprométense a informar a diario sobre o seu estado e a evolución das accións. Todas as integrantes asinaron unha carta ética baseada no respecto, a cortesía e o compromiso coa causa.