Galicia mantén unha intensidade baixa e tendencia á baixa da gripe tras vacinar máis de 876.000 persoas

Galicia mantén unha intensidade baixa e tendencia decrecente na onda epidémica da gripe, segundo os últimos datos feitos públicos este xoves polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, nunha rolda de prensa na que tamén participou a directora do Centro galego para o control e prevención de enfermidades, Marta Piñeiro.
O responsable autonómico situou a vacinación como o principal piar fronte aos virus respiratorios e subliñou que nesta campaña se vacinaron fronte á gripe 876.347 persoas en Galicia. Destacou especialmente o incremento da cobertura nos maiores de 65 anos, que acadan o 73,17 %, dous puntos máis que o pasado ano.
Tamén se rexistrou unha mellora notable na vacinación do persoal sanitario, que supera o 66 %, o que supón 12 puntos máis ca en 2024, así como no colectivo de embarazadas, cunha cobertura que supera o 48 %. O grupo con maior resposta segue a ser o das persoas maiores de 80 anos, que alcanzan un 82,5 % de vacinación, superando os datos da campaña anterior.
En canto á covid-19, administráronse preto de 480.000 doses, cunha cobertura do 60 % na poboación maior de 70 anos. No relativo á inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS), máis de 10.100 bebés foron inmunizados nesta tempada, con taxas próximas ao 100 %. Ademais, a Xunta continúa co ensaio clínico Sincigal, no que xa participaron máis de 18.000 persoas maiores de 18 anos.
Segundo o último informe de vixilancia epidemiolóxica, o pico da onda de gripe acadouse a comezos de decembro. Aínda que descenden as consultas en Atención Primaria, aumentaron na última semana as consultas e os ingresos hospitalarios entre as persoas maiores de 80 anos, polo que Sanidade chama á prudencia.
No que vai de tempada notificáronse 3.259 ingresos hospitalarios por gripe confirmada, a maioría por gripe A. Durante a segunda quincena de decembro atendéronse máis de 50.500 urxencias hospitalarias, destacando as áreas da Coruña-Cee e Vigo. O conselleiro puxo en valor o bo funcionamento do Sergas durante o Nadal e agradeceu o labor do persoal sanitario e o compromiso da cidadanía coa vacinación.