Galiza mobilízase en 39 localidades en apoio á Marcha a Gaza contra o bloqueo de Rafah

Centos de persoas participaron en concentracións en 39 vilas e cidades galegas en solidariedade co pobo palestino e co movemento internacional Marcha a Gaza, que denuncia o bloqueo da axuda humanitaria por parte de Israel no paso de Rafah.
Galicia con Gaza
17 Jun 2025

Centos de persoas saíron ás rúas de 39 vilas e cidades galegas para expresar o seu apoio ao pobo palestino e á Marcha a Gaza, unha iniciativa internacional que denuncia o bloqueo imposto por Israel á axuda humanitaria no paso fronteirizo de Rafah.

As concentracións, convocadas pola Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina, remataron coa lectura dun manifesto que esixe o fin do xenocidio, a apertura inmediata de Rafah e o xuízo aos responsábeis dos crimes contra a humanidade cometidos polo Estado israelí.

No texto lido nas mobilizacións, as organizacións salientaron que, “mesmo a milleiros de quilómetros, desde Galiza participamos desta acción global”, e denunciaron que Israel “usa a fame e a enfermidade como armas de guerra”. Tamén acusaron a Unión Europea e aos Estados Unidos de amparar a ocupación e os ataques contra a poboación civil.

O manifesto condena a actitude do goberno exipcio, que estaría dificultando a acción internacionalista da Marcha a Gaza, e denuncia as detencións, deportacións e retencións sufridas polas persoas participantes, incluídas varias galegas.

Destacouse especialmente o caso do galego Xan Lopes, que iniciou unha folga de fame xunto a outras persoas para denunciar o bloqueo. Desde Galiza, as mobilizacións expresaron apoio “a quen loita por poñer Palestina diante dos ollos do mundo”.

A Coordinadora insiste en que o paso de Rafah debe quedar aberto, que “os crimes deben parar” e que “os seus responsábeis deben ser xulgados”. Alertan, ademais, de que os recentes ataques israelís a Irán, con máis de 200 vítimas mortais, constitúen unha nova escalada con apoio occidental e “un perigo global”.

“Galiza con Palestina”, concluíu o manifesto, entre aplausos das persoas concentradas.

⚙ Configurar cookies
0.26099109649658