Galiza Nova presenta a sétima edición da Semana da Patria Galega cun récord de 70 actividades por todo o país

A organización xuvenil do BNG presentou este xoves a sétima edición da Semana da Patria Galega, unha campaña de mobilización xuvenil que se celebrará entre o 14 e o 25 de xullo, culminando coa tradicional Homenaxe a Rosalía e Castelao e coa participación na manifestación nacional do Día da Patria en Santiago de Compostela. Este ano, a campaña bate récord cun total de 70 actividades previstas.
A Secretaria Xeral da organización, Marta Gómez, salientou que este número de actos “é unha demostración da forza da mocidade organizada por todo o país” e do compromiso da militancia local en cada comarca. A programación comeza cunha concentración en Santiago contra a visita da Princesa Leonor e desenvolverase en múltiples localidades con actos culturais, reivindicativos e festivos.
Entre as accións destacadas están o despregamento de bandeiras xigantes da patria, a exposición itinerante Artivismo en Castelao, que pon en valor o pensamento do histórico nacionalista galego, e o partido de fútbol entre Galiza Nova e o BNG, que se celebrará o 18 de xullo para reivindicar a oficialidade das seleccións galegas.
O acto central da campaña será a Homenaxe a Rosalía e Castelao, o 24 de xullo, coa participación de Gabriel Abilleira, Marta Gómez e Ana Pontón, e actuación musical de Lina e Lola como homenaxe ás pandereteiras. O acto rematará cunha ofrenda floral no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres.
Toda a programación pódese consultar nas redes sociais e na web de Galiza Nova, así como nas canles comarcais segundo se acheguen as datas.