Desde a CIG din que "Galicia pecha 2025 con perda de emprego e máis precariedade laboral"

O ano 2025 rematou en Galicia cun incremento do paro e cun avance da precariedade laboral, marcada pola parcialización do emprego e polos baixos salarios. Segundo os datos feitos públicos polo Servizo Público de Emprego Estatal, no mes de decembro rexistráronse 459 persoas paradas máis con respecto a novembro, o que eleva a cifra total de desempregadas a 112.031.
Para o secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da Confederación Intersindical Galega, Paco Sío, estes datos “evidencian unha vez máis o avance da precariedade e o fracaso do modelo económico do PP en Galicia”, baseado, segundo sinala, na promoción do sector servizos fronte a outros ámbitos con mellores condicións laborais, como a industria, que foi o sector que máis emprego perdeu neste período.
No último mes do ano asináronse en Galicia 54.700 contratos, dos cales 40.680 foron temporais, moitos deles a través de empresas de traballo temporal (ETT). Desde a CIG advirten dun incremento da contratación precaria, especialmente entre a xente nova e as mulleres, colectivos que sofren con maior intensidade o aumento da pobreza laboral.
Os datos da afiliación á Seguridade Social reflicten un crecemento do emprego en sectores como o almacenamento, as actividades inmobiliarias, artísticas ou de entretemento, así como na agricultura. Trátase, segundo o sindicato, de sectores caracterizados pola alta parcialidade, menor estabilidade e peores condicións laborais.
Actualmente, o 17,5% das persoas afiliadas á Seguridade Social teñen contratos a tempo parcial, ao que se suma preto dun 4% de contratos fixos descontinuos, o que supón que arredor do 22% das traballadoras non teñen emprego a xornada completa. Esta realidade tradúcese en salarios insuficientes para facer fronte ao encarecemento do custo da vida.
Desde a CIG alertan de que esta situación está a provocar un aumento da emigración da mocidade galega con alta cualificación, mentres estes postos precarios son ocupados maioritariamente por persoas migrantes. “Non falta man de obra, o que falta é unha patronal capaz de crear emprego estable e con condicións dignas”, concluíu Paco Sío.