Galiza pola Paz denuncia que a OTAN aproveita a escalada bélica para impoñer un novo aumento do gasto militar

A Plataforma Galiza pola Paz rexeita a cimeira da OTAN na Haia e reclama o fin da carreira armamentística, denunciando o aumento do gasto militar e esixindo a saída do Estado español da organización.
Galia pola paz
25 Jun 2025

Galiza pola Paz vén de facer público o seu rexeitamento á cimeira que a Organización do Tratado do Atlantico Norte (OTAN) celebra na Haia co obxectivo de impoñer un novo incremento do gasto militar aos seus membros a pedido dos Estados Unidos. A Plataforma, que ten convocadas mobilizacións para este xoves contra a escalada bélica, exixe o fin da carreira armamentística e a inmediata saída da OTAN por parte do Estado español para adoptar unha posición de neutralidade activa que poña fin á colaboración coas agresións imperialistas.

No comunicado, Galiza pola Paz sinala que mentres os últimos ataques contra Irán ameazan con desencadear unha nova guerra aberta na Asia Occidental, a OTAN celebra unha cimeira na Haia co obxectivo de alargar os gastos militares. Este incremento dáse na secuencia dun incremento anterior aprobado pola propia OTAN en 2014 que exixía aos seus membros un investimento até o 2% do PIB en 2029. “Sen que se teña cumprido o período para materializar aquel acordo, os Estados Unidos e a OTAN presionan de novo para que os fondos se incrementen aínda máis”.

A poucas horas da cimeira, Mark Rutte aseguraba que xa había un acordo co Estado español para chegar ao 3,5%. Para Galiza pola Paz, é inaceptábel continuar con este falso debate de porcentaxes, xa que o incremento actual xa implica desviar grandes cantidades de recursos públicos da sanidade e doutros servizos esenciais cara aos gastos militares.

A Plataforma tamén denuncia que todos os membros da OTAN están poñendo ao dispor das operacións militares —como as de Israel e os Estados Unidos contra Irán— as súas bases, intelixencia e recursos, malia que a OTAN non participe formalmente nas accións.

Neutralidade activa

Galiza pola Paz insiste en que esta militarización responde ao interese dos Estados Unidos por manter a súa hexemonía global e frear a emerxencia dun mundo multipolar. Mentres tanto, os custos trasládanse aos pobos agredidos e á cidadanía dos países membros, cun encarecemento inmediato dos combustíbeis, alimentos e bens básicos.

A Plataforma reitera a súa demanda dunha saída inmediata da OTAN por parte do Estado español e a adopción dunha posición de neutralidade activa. Tamén rexeitan o uso de instalacións galegas para fins militares e denuncian a colaboración da Xunta coa industria armamentística. “Queremos un mundo en paz baseado no dereito dos pobos á súa soberanía”, conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.26843500137329