Galicia supera as 877.000 persoas vacinadas fronte á gripe e mellora a cobertura en todos os grupos

A campaña de vacinación antigripal incrementa a protección en todos os colectivos diana, con especial aumento entre o persoal sanitario, as embarazadas e a poboación maior
covid-vacuna
12 Jan 2026

Galicia continúa mellorando os datos da campaña de vacinación fronte á gripe e alcanza xa as 877.213 persoas vacinadas, superando as cifras rexistradas o ano pasado e incrementando a cobertura en todos os grupos de poboación aos que se dirixe esta inmunización.

Un dos avances máis destacados prodúcese no persoal sanitario, onde a cobertura vacunal supera o 66 %, o que supón 12 puntos máis con respecto á tempada anterior. Este incremento considérase clave para protexer tanto ás e aos profesionais como ás persoas ás que atenden.

Tamén se rexistrou unha mellora significativa no colectivo de embarazadas, no que a porcentaxe de vacinación aumentou case oito puntos, situándose no 48,36 %, fronte ao 40,52 % da campaña pasada.

No caso das persoas maiores de 65 anos, a cobertura alcanza o 73,19 %, dous puntos máis que o ano anterior. A protección aumenta progresivamente coa idade: as persoas maiores de 70 anos chegan ao 76,6 %, mentres que no grupo de maiores de 80 anos a vacinación acada o 82,5 %, o que significa que máis de oito de cada dez persoas deste colectivo están protexidas fronte ás complicacións da gripe.

En canto á poboación infantil, mantense a taxa de vacinación en nenos e nenas de 6 a 59 meses por riba do 65 %. Ademais, nesta campaña ampliouse por primeira vez a poboación diana ata os 11 anos, cunha cobertura do 56,22 % neste novo grupo.

As autoridades sanitarias lembran que as persoas que aínda desexen vacinarse poden facelo mentres haxa doses dispoñibles, solicitando cita de enfermaría no seu centro de saúde, xa que o virus da gripe continúa en circulación.

⚙ Configurar cookies
0.34322810173035