Gómez Caamaño pon en valor o proxecto New Heart e o Regace

O conselleiro lembrou que as enfermidades cardiovasculares continúan a ser unha das principais causas de mortalidade
congreso-cardioloxia-centenarios
19 Nov 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou esta mañá na inauguración do Congreso de Saúde Cardíaca na Eurorrexión Melloras para vivir 100 anos, un encontro no que puxo en valor a importancia do proxecto New Heart e a do Rexistro Galego de Persoas Centenarias de Galicia (Regace), para poder avanzar cara a unha sanidade máis preventiva, personalizada e adaptada a unha sociedade cada vez máis lonxeva.

Durante a xornada de hoxe, a Cidade da Cultura acolle a especialistas do ámbito da cardioloxía para abordar os retos que comparten Galicia e Portugal neste ámbito da saúde.

Neste senso, Gómez Caamaño lembrou que as enfermidades cardiovasculares continúan a ser unha das principais causas de mortalidade, situándose en 2023 como a primeira causa de falecemento entre as mulleres e a segunda entre os homes en Galicia.

Así, destacou o valor doe proxectos como New Heart que, dotado cun orzamento de 2,7 millóns de euros, permiten compartir coñecemento, desenvolver ferramentas diagnósticas avanzadas e mellorar a atención sanitaria en territorios caracterizados polo envellecemento e a dispersión demográfica.

O máximo responsable do Servizo Galego de Saúde apuntou que a prevención deste tipo de enfermidades debe comezar desde a propia atención primaria, identificando de xeito precoz os seus factores de risco, ao tempo que se promoven os hábitos saudables.

REGACE e novos equipos de cardioloxía intervencionista

No transcurso da súa intervención, o conselleiro de Sanidade puxo o foco na realidade demográfica da comunidade galega. Un territorio que rexistra unha poboación lonxeva con preto de 1.800 persoas centenarias e cuxa esperanza de vida supera os 86 anos en mulleres e os 81 no caso dos homes.

Segundo explicou, este feito representa unha oportunidade para estudar os factores biolóxicos, ambientais e de estilo de vida que inflúen na lonxevidade. Por este motivo, a Xunta creou o pasado mes de outubro o Rexistro Galego de Persoas Centenarias de Galicia (Regace).

O titular de Sanidade confirmou que o sistema de recollida de datos de persoas centenarias xa está integrado con IANUS e, antes de que finalice o ano, estará a disposición dos profesionais.

Tamén se referiu ás axudas que se convocarán no vindeiro ano para que os concellos instalen desfibriladores externos nas vías públicas, para avanzar cara a unha Galicia máis cardioprotexida.

O conselleiro de Sanidade concluíu a súa intervención felicitando ao Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), aos coordinadores do proxecto —os doutores José Ramón González Juanatey e Ricardo Fontes-Carvalho— e a todas as entidades.

0.41650485992432