Gómez Caamaño reivindica o compromiso da Xunta na loita contra as adiccións e a nova Lei de protección da saúde das persoas menores

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reivindicou hoxe o compromiso da Xunta de Galicia na loita contra as adiccións e subliñou que a futura Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas adictivas situará a Galicia “á vangarda” nesta materia.
Así o manifestou no acto de conmemoración do 40 aniversario da Asociación Ferrolá de Drogodependencias (ASFEDRO), celebrado no Teatro Jofre de Ferrol. Gómez Caamaño estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e destacou “a traxectoria exemplar” dunha entidade que leva catro décadas sendo un “referente” na atención ás persoas con trastornos adictivos.
O titular de Sanidade sinalou que, durante 2024, ASFEDRO ofreceu atención integral a máis de 1.000 persoas, consolidándose como un piar fundamental no acompañamento sanitario e social de quen sofre problemas de adicción. “O reto das adiccións é complexo e evolutivo”, afirmou, poñendo en valor a capacidade da asociación para adaptarse ás novas substancias e aos cambios nos patróns de consumo.
Gómez Caamaño destacou que a atención ás adiccións “require humanidade e recursos adaptados a cada tempo e persoa”, e puxo en valor as medidas impulsadas pola Xunta tanto na prevención como no apoio ás entidades especializadas. Neste sentido, lembrou que o Goberno galego destinou 12,4 millóns de euros este ano ás entidades que traballan no ámbito dos trastornos adictivos.
“O traballo conxunto entre a Xunta e ASFEDRO é esencial para seguir avanzando cara a unha Galicia libre de adiccións”, concluíu o conselleiro.