Goretti Sanmartín reivindica visibilidade para as mulleres na gala de Empresarias Galicia

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, participou este venres na gala de Empresarias Galicia, un evento que tivo lugar no Hotel San Francisco para recoñecer o labor das mulleres no mundo do emprendemento e a empresa. Acompañada pola primeira tenente de alcaldesa, María Rozas, a rexedora compostelá destacou a necesidade de dar visibilidade ás mulleres en todas as súas facetas, especialmente ás autónomas e empresarias, e felicitou ás premiadas da noite.
“Queremos que detrás de grandes mulleres haxa tamén grandes mulleres, para que se transmita unha cadea de empoderamento feminino que nos últimos tempos parece estar en cuestión”, afirmou Sanmartín na súa intervención.
A alcaldesa tamén puxo en valor o traballo das galardoadas, destacando que todas elas teñen en común o desexo de ofrecer solucións e de deixar un legado que inspire ás futuras xeracións.
“O éxito dunha muller emprendedora non é só o seu propio. Cada paso que damos, cada barreira que rompemos, abre portas a outras. Xuntas creamos un futuro máis igualitario, máis aberto e máis inspirador para as mulleres que virán despois de nós”, subliñou Sanmartín.
A gala Empresarias Galicia busca recoñecer o papel da muller no ámbito empresarial, promovendo o liderado feminino e a igualdade de oportunidades.