Gradúase a primeira promoción da Universidade Intercontinental de la Empresa

A UIE finaliza o seu cuarto curso, 2025-2026, con seis graos e ten aberto o prazo de matrícula para o próximo ano, no que incorporará como nova titulación, o Grao en Enfermería
primeira-promocion-universidade-intercontinental
12 Jun 2026

O Auditorio ABANCA de Santiago de Compostela acolleu esta tarde, coa capacidade completa, a cerimonia de gradación da primeira promoción dos graos de Enxeñería en Sistemas Intelixentes, Administración de Negocios Dixitais, Administración e Dirección de Empresas, e Enxeñería da Empresa e os primeiros titulados no Máster in Business Administration (MBA) da Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE).

O acto académico, que puido seguirse por streaming a través de Afundación TV, contou co presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, como padriño dos 128 estudantes graduados nesta primeira promoción da UIE, a quen dirixiu unha alocución de honra. Na cerimonia de gradación participaron así mesmo o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, e os vogais do padroado da UIE, Francisco Botas, Juan Carlos Escotet, Silvia García e Raúl Velloso.

Tras a alocución de honra, Víctor Vega Sobral, en representación dos estudantes de grao, subliñou o modelo diferencial da Universidad Intercontinental de la Empresa, no que como pioneiros deste proxecto «aprendemos a avanzar sen mapas, sen precedentes» e destacou como UIE ensinoulles algo que non aparece no título de grao: «tivemos materias deseñadas para facernos mellores persoas, non só mellores estudantes. Aprendemos a coñecernos, a poñernos diante dun espello sen filtros, a xestionar a tensión e as emocións, a ser asertivos cando facía falta ou a colaborar entre perfís diferentes.»

Pola súa banda, Oriol Palomo Fernández, como representante dos estudantes de posgrao, destacou as virtudes do alumnado titulado hoxe e tamén o acompañamento do equipo da UIE durante todo o traxecto: «Levámonos profundos coñecementos pero o máis importante desta gran viaxe xuntos é a rede humana que construímos. Non esquezades as leccións máis importantes: os mellores profesionais non son só os que teñen mellor expediente, son os que escoitan, os que teñen empatía, os que saben traballar en equipo e levantan ao compañeiro cando as cousas van mal. O talento suma pero a calidade humana multiplícase».

Na súa lección maxistral aos novos graduados, «A travesía do pescador de Cumaná: a aprendizaxe como camiño», Miguel Ángel Escotet foi desganduxando a través da curta historia da UIE unha metáfora sobre o que a universidade dá á sociedade. Unha lección sobre o valor da aprendizaxe significativa na vida das persoas. «Sodes unha cohorte que termina no inicio do novo mundo dos algoritmos, da xeración axente, dunha tecnoloxía, a IA, que transformará o mundo que vén e que debedes comprender». «Pero tampouco elevemos aos altares unha tecnoloxía como a IA, que nin é inferior nin superior a moitas outras que xurdiron en diferentes épocas da historia IA –engadiu –. O ser humano, vaidosamente, cre que o seu tempo é extraordinario. Pero cada tempo foino para os pobos desa época que o viviron».

O reitor da UIE subliñou ante o final desta etapa que «A UIE entrega hoxe á sociedade a súa primeira promoción de graduados e, ao facelo, demostra que o pensamento utópico é posible, que as ideas que planificamos hai anos son unha realidade tanxible, un caladoiro vivo de pensamento e progreso». Salientaba así este momento no que «a travesía que iniciamos xuntos alcanzou a súa primeira gran beira», e como «durante estes catro cursos aprendestes a lanzar as redes de pensamento analítico no mar da incerteza, a interpretar as mareas dunha contorna tecnolóxica e social en constante mutación, e atrevéstesvos a pensar e cuestionar unha realidade diversa, complexa, con cambios exponenciais».

 

0.31989192962646