Greenfiber defende a continuidade de Altri mentres Ulloa Viva esixe á Xunta a súa denegación inmediata

Ante o anuncio de arquivo do proxecto GAMA, impulsado por Altri a través da súa filial Greenfiber, a compañía presentou un escrito formal de alegacións ante a Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia no que defende a continuidade da súa tramitación, despois de que a iniciativa fose declarada Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) polo Consello da Xunta en decembro de 2022.
No documento, Greenfiber basea a súa posición en argumentos xurídicos, técnicos e administrativos e pon o foco na suposta autosuficiencia enerxética da planta proxectada para a produción de fibras solubles e lyocell, que contaría cun sistema propio de cogeneración. A empresa sostén que a conexión eléctrica externa non sería imprescindible para o funcionamento da instalación, senón unha medida complementaria de respaldo, e defende que a tramitación debe continuar en paralelo á planificación eléctrica estatal, apuntando ademais á existencia de alternativas técnicas viables de conexión recollidas en listados públicos de Rede Eléctrica de España e das distribuidoras.
En paralelo, a Plataforma Ulloa Viva reaccionou ao coñecemento destas alegacións e ao posicionamento da empresa reiterando a súa esixencia á Xunta de Galicia para que proceda á “denegación xa” das autorizacións administrativas pendentes para a macrocelulosa proxectada en Palas de Rei. A voceira do colectivo, Marta Gontá, afirmou que “sobran datos técnicos para facelo e porque nunca acadará licenza social”, e cualificou de “ningunha sorpresa” a presentación de alegacións, acusando a empresa de actuar “para conseguir o seu obxectivo, que non é outro que converter os recursos de todas en cartos para eles”.
Gontá criticou tamén o impacto ambiental e social que, segundo a plataforma, implicaría o proxecto, asegurando que as empresas promotoras actúan con “descaro” ao reclamar “lealdade e cooperación” das administracións públicas. Neste sentido, defendeu que esa lealdade debe ser cara á cidadanía e á protección do territorio, e advertiu de que non aceptarán unha industria que consideran allea ás necesidades da zona e prexudicial para o seu modelo de vida.
A plataforma, que integra veciñanza da Ulloa, O Deza, Arzúa e Terra de Melide, reafirmou a súa oposición ao proxecto e asegurou que continuará na súa mobilización social, lembrando ademais a campaña de recollida de sinaturas “Rematemos nós”, coa que xa se sumaron miles de persoas e que continuará ata o mes de xuño. Ulloa Viva insiste en que a Xunta non debe converterse en “cómplice” dunha infraestrutura que, ao seu xuízo, suporía unha “ferida no corazón de Galicia durante 75 anos”.

ACTO SIMBÓLICO EN PALAS DE REI CONTRA ALTRI
Veciñas e veciños xunto a membros da Plataforma Ulloa Viva concentráronse na entrada da Finca de Quintas, en Palas de Rei, no punto no que, segundo denuncian, a empresa Greenfiber —impulsora do proxecto de Altri— pretende “desangrar Galicia”. No lugar, a veciñanza realizou unha acción simbólica coa colocación dun corazón feito con flores silvestres e unha pancarta coa mensaxe “Gañará a vida”, dirixida tanto á compañía como á Xunta de Galicia.
Durante o acto, as voceiras da plataforma, Marta Gontá e Patricia Coucheiro, reclamaron ao goberno galego que non atenda ás peticións de lealdade formuladas pola empresa promotora. Segundo denunciaron, esa petición realizouse nun comunicado público do pasado 19 de maio, no que Greenfiber anunciou a presentación de alegacións contra o arquivo do proxecto Gama.
“As voces da plataforma subliñaron que a lealdade dun goberno debe estar co seu pobo: coas galegas e galegos que xa dixemos, alto e claro, que o noso futuro non pasa pola instalación desta macrocelulosa”, afirmaron durante a concentración, insistindo en que a decisión debe responder ao interese social e ambiental da zona.
Ulloa Viva volveu reclamar ademais que a Xunta de Galicia denegue a concesión de augas e a Autorización Ambiental Integrada (AAI), trámites que o proxecto ten pendentes e que actualmente se atopan en fase de avaliación administrativa. A plataforma asegura que “sobran argumentos e datos técnicos” para frear a súa autorización.
O colectivo anunciou que continuará coa súa campaña de recollida de sinaturas baixo o lema “Re- rematar nós”, co obxectivo de sumar apoios cidadáns para pedir a “denegación definitiva” do proxecto. Estas sinaturas serán entregadas no mes de xuño ante a Xunta de Galicia.
Ademais, Ulloa Viva fixo un chamamento á participación na manifestación convocada para o 24 de maio en Pontevedra pola Asociación pola Defensa da Ría (APDR), que se mobilizará contra as celulosas baixo o lema “Nin Ence na Ría nin Altri na Ulloa. Celulosas fóra”.