Grupo Socialista propón unha gran Vía Verde Atlántica para unir Galicia con Asturias e Portugal

No Pleno do Parlamento de Galicia, a portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Paloma Castro, instou hoxe á Xunta a desenvolver un Plan de Infraestrutura Verde, en colaboración coa Fegamp, o Consello Galego de Medio Ambiente e a Universidade, que inclúa a creación dunha Gran Vía Verde Atlántica. Este corredor, pensado para uso peonil e ciclista, conectaría as fronteiras de Asturias e Portugal, integrando Galicia nas redes europeas de infraestruturas verdes e na rede ciclista EuroVelo.
Castro lamentou o voto en contra do PP e a abstención parcial do BNG na súa Proposición Non de Lei, que busca:
Consolidar Galicia na Rede Transeuropea de Infraestruturas Verdes.
Aproveitar as 4 Vías Verdes existentes (Salnés, Eo, Vigo-Redondela e Compostela-Tambre-Cerceda) para estender este corredor atlántico.
Fomentar emprego de calidade e turismo activo no rural.
Adaptarse ao cambio climático mellorando a conectividade e restauración ecolóxica.
Para Castro, unha gran Vía Verde Atlántica representa “unha oportunidade estratéxica para impulsar a mobilidade sostible e garantir un país máis verde, habitable e resiliente”.