Héctor Corujo, alcalde do Incio: “Ser político ten que ser sensato, porque estamos manexando recursos de todos”

O rexedor do municipio proxecta o seu liderado na Alcaldía como "unha decisión do partido", pero ten ilusión por seguir, polo menos, outra lexislatura
hector-corujo,-alcalde-do-incio
27 Sep 2026

Explíquenos un pouco como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido.

Son funcionario do Concello, polo que tiña unha relación estreita co ámbito político, e sempre tiven a inquietude de intentar mellorar ou achegar algo ao pobo. Pero foron desde o propio partido os que me propuxeron entrar no partido hai oito anos, en 2018.

Como deu o salto o recibiu o impulso para ser alcalde?

En 2019 encabecei a lista e tivemos a sorte de conseguir a maioría absoluta por cinco votos, o que nos permitiu gobernar. Nas seguintes eleccións, en 2023, gañamos con máis marxe.

A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?

Para min, o peor é a falta de tempo para a familia e para os amigos, porque é moi complicado. Ás veces propúxenlle á miña muller dedicar toda a semana aos veciños e o fin de semana a eles, pero é imposible, porque sempre xorde algo.

E beneficios?

A parte máis gratificante é traballar polo pobo e polos veciños, desenvolver os proxectos que consideras correctos e adecuados e que os veciños te apoien e che digan: «Confiamos en ti para que fagas o que poidas». Iso é gratificante e anima a levantarse polas mañás e a seguir adiante.

Como equilibra a vida pública e a privada?

Non consigo facelo. Considero que é un fallo na miña forma de xestionar. Non son capaz de conciliar a vida persoal coa política.

Cales son os seus obxectivos a nivel político?

En política penso que hai que estar á disposición e facer o que se pida. En principio, a idea é presentarse para maio do ano que vén, pero isto vai depender de que os compañeiros de goberno e de partido decidan que si. Hai unha cuestión que teño absolutamente clara: en política dependes totalmente do grupo que está e traballa contigo. Unha persoa soa, por brillante que sexa, non vai chegar a ningún sitio se non conta co apoio da xente que está ao seu lado.

E, se renova na Alcaldía, cales son as principais actuacións previstas?

As actuacións vinculadas ás necesidades do Concello son o abastecemento de auga, as redes de saneamento, o formigonado dos núcleos e a mellora da rede viaria, que son as estruturas e condicións máis básicas que debe garantir un Concello. O máis importante é ampliar e optimizar a rede de abastecemento e saneamento de auga, acondicionar os núcleos e seguir incidindo na formación do Concello.

Cales son as principais liñas do seu programa?

Nas liñas do programa intentaremos manter un equilibrio entre investir en infraestruturas básicas, como as que acabo de comentar, e facer tamén un pouco de política. Mellorar as estradas é fundamental, porque para poder vivir nun territorio son condicións básicas para estar con unha mínima comodidade e dignidade. Ao mesmo tempo, son actuacións que tampouco me emocionan. Como podemos traer poboación? Como podemos facer para que a xente quede no Incio e non marche a Sarria ou Monforte? Esas son as actuacións políticas interesantes, pero os concellos pequenos estamos terriblemente limitados. Creo que non podemos estar facendo actuacións dese tipo e ter os veciños pisando fochancas.

De que proxectos se sente máis orgulloso?

En canto aos proxectos, a medida estrela é o asunto da Casona do Incio. Acabamos de chegar a un acordo coa Deputación de Lugo e, despois de 20 anos, por fin podemos ver o final. Non foi algo fácil, e é unha cuestión á que non podemos renunciar. Porén, tampouco é algo que vaia mellorar significativamente a vida dos veciños e dos núcleos. Os veciños do Incio van ter como prioridade dispoñer de auga cando a necesiten, poder saír por estradas en boas condicións e ter un acceso correcto a internet. O problema é que temos unha dis-persión poboacional brutal e os recursos non dan para cubrir todas estas necesidades. Outros proxectos dos que me sinto orgulloso son as vivendas sociais. Acondicionamos a edificación, con fachada nova, ventás e cuberta, e agora imos investir 600.000 euros en apartamentos nos garaxes, ofrecendo 12 vivendas públicas a prezos accesibles. Tamén me sinto orgulloso de actuacións menos visibles, pero importantes, como a conciliación. Implantamos programas de saúde na casa co fin de facilitar que os veciños teñan unha vida máis cómoda. Eu penso que ser político ten que ser sensato, porque estamos manexando recursos de todos e aínda así son insuficientes. Non creo que sexa lóxico gastarme 100.000 euros nunha actuación ou nun recurso cultural e ter veciños que saian da casa e estean pisando barro.

Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?

Intento ser próximo e  falar con todos. Quero que sintan que, veñan de onde veñan ou sexa cal sexa a súa idea política, o trato que reciben desde o Concello é igual para todos.

Como é a súa relación coa oposición?

Francamente, boa. De feito, chamámonos con frecuencia. Hai unha relación fluída e construtiva.

 

MÁIS DE PRETO

-Idade, estado civil e familiar

55, casado e 2 fillos

-Profesión e formación

Funcionario do Concello do Incio, e licenciado en Filosofía

-E se non fose que lle gustaría ser?

Gústame ler e estudar, polo que pensaba que me podía gustar ser profesor

-Que quería ser de maior

Nunca tiven unha vocación clara

-Que fai para desconectar?

Gústame saír en bicicleta

-Unha virtude e un defecto

Son firme e claro, sendo virtude e defecto por ter falta de flexibilidade

-Un consello para compartir

Non son de dar consellos

-Un libro, unha película ou/e un grupo de música/cantante

‘El cisne negro’, ‘Blade Runner’ e Sabina

-Unha afección

Motociclismo

-Un lugar que visitar

París, e no próximo gústame a montaña, como a do Incio

-Unha comida e unha bebida

Un chuletón con viño tinto

-Unha personaxe admirada (viva ou morta)

Calquera persoa que con humildade e constancia conseguira algo: un científico ou un veciño que sacha na horta, son actitudes de vida que me gustan

-Unha posesión preciada

Reloxo do meu pai

-Un desexo

Que chova

-Algo para esquecer

A Covid

-Que é o que máis valora nunha persoa?

A honestidade, que a persoa sexa franca directa e clara

-Un desafío pendente.

Aprender a nadar ben

-Onde se ve en cinco anos?

Fóra da política e desfrutando da familia e do día a día

0.37439799308777