Hospital da Mariña: novo día de protestas por unha sanidade digna

Persoal sanitario e doentes do Hospital da Mariña mobilízanse para denunciar a falta de recursos e reclamar atención de calidade e proximidade.
Sanidad Manifestacion
23 Apr 2025

O Hospital da Mariña viviu este martes unha nova xornada de protestas, a oitava consecutiva, convocada pola Xunta de Persoal do centro para denunciar a situación de colapso e falta de recursos que afecta á asistencia sanitaria na comarca. Ao persoal sanitario de todas as categorías súmanse tamén usuarias e usuarios que reclaman unha sanidade pública de calidade e de proximidade, “na Mariña e para a Mariña”.

A principal denuncia céntrase na falta de persoal médico, que obriga a derivar pacientes ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), malia haber camas baleiras en Burela. Esta situación, advirten, provoca importantes trastornos tanto para as persoas ingresadas como para as súas familias.

Ademais, alertan de que moitas consultas están reducidas ou pechadas, facendo que os seguimentos médicos non se realicen con regularidade e se acabe ingresando doentes que poderían ser tratados de maneira ambulatoria. “Moitos seguimentos que se deberan facer nas consultas externas rematan en hospitalización por falta de citas”, explican.

Tras numerosas reclamacións sen resposta efectiva, denuncian unha orde verbal da dirección para derivar directamente ao HULA a todos os pacientes subsidiarios de ingreso, algo que moitas persoas doentes rexeitan por motivos familiares ou de coidados.

Tamén denuncian derivacións a centros públicos e privados para realizar probas complementarias que poderían levarse a cabo no propio hospital de contar cos profesionais necesarios. A Xunta de Persoal lembra que “non debe ser a persoa doente quen se desprace, senón que é a administración quen ten que garantir os seus dereitos”.

Reclaman así a contratación de novo persoal ou a reorganización dos cadros existentes baixo criterios de xustiza distributiva.

Ademais, lembran que en 2017, a Consellería de Sanidade aseguraba que a supresión da Área Sanitaria da Mariña melloraría a asistencia e evitaría desprazamentos, algo que “se demostrou rotundamente falso”.

Por todo isto, desde o hospital de Burela reiteran que “non permitirán ningún recorte máis nos servizos públicos e no benestar da poboación”.

⚙ Configurar cookies
0.11340308189392