Iago Lestegás presenta o novo modelo urbano para o Ensanche e avanza un proxecto piloto en Santiago de Chile

Transformar Compostela para gañar espazo público para as persoas é o obxectivo do novo modelo urbano presentado polo goberno municipal que lidera Goretti Sanmartín. Así o explicou o concelleiro de Urbanismo e Vivenda, Iago Lestegás, quen defendeu que “a veciñanza do Ensanche tamén ten dereito a espazos públicos de calidade”.
O Concello abrirá agora un proceso de diálogo coa veciñanza para definir a versión final do proxecto, que parte dun modelo de intervención propio do século XXI e que busca reorganizar os usos do viario público dun xeito máis xusto, equilibrado e eficiente.
Na presentación, Lestegás explicou que o goberno municipal conta con tres anteproxectos elaborados por tres equipos de arquitectura —RVR, Eduardo Cruz e Creus e Carrasco— e deu a coñecer as propostas para a rúa Santiago de Chile, que funcionará como proxecto piloto, e para a Praza de Vigo. O custo estimado do desenvolvemento de Santiago de Chile ascende a 2,8 millóns de euros, mentres que o da Praza de Vigo sitúase en 1,4 millóns.
O anteproxecto de Santiago de Chile marca o inicio dun proceso colectivo de escoita coa veciñanza nun dos ámbitos máis densamente poboados da cidade, con máis de 14.600 habitantes. Trátase dunha zona cun comercio activo, pero con importantes carencias en espazos públicos pensados para as persoas.
Segundo explicou o concelleiro, o novo modelo aposta por eixos e nós verdes multifuncionais, nos que a circulación deixa de ser a función principal do espazo público para convivir con outros usos. A proposta inclúe beirarrúas máis anchas e accesibles, de ata 3,6 metros; unha calzada central de sentido único e un só carril, de 3,2 metros; e dúas bandas laterais de 2,2 metros para usos múltiples como arborado, bancos ou terrazas.
Na actualidade, a rúa Santiago de Chile ten unha anchura de 15 metros, dos cales 10 están destinados ao tráfico rodado e só cinco aos peóns. Co novo modelo, a calzada reduciríase significativamente, favorecendo un reparto máis equilibrado do espazo e permitindo afastar as árbores das fachadas, facilitando o seu crecemento sen causar molestias. A distribución concreta dos usos nas bandas laterais definirase na redacción do proxecto, incorporando as achegas veciñais.
No caso da Praza de Vigo, Lestegás presentou un anteproxecto que busca transformar un ámbito de grandes dimensións que actualmente non se percibe como praza. Mantendo o estacionamento soterrado existente, a proposta reorganiza a circulación para liberar espazo público en superficie, crear unha verdadeira praza para a cidadanía e incorporar zonas verdes, un pequeno anfiteatro aproveitando a viseira do acceso ao aparcadoiro e pavimentos de maior calidade, mantendo tamén a área de xogos infantís.
O concelleiro subliñou que este proxecto piloto forma parte dunha estratexia máis ampla para o Ensanche e para o conxunto da cidade, baseada na planificación e na definición de criterios claros para as transformacións urbanas. “A circulación é unha das funcións do espazo público, pero non é a única, e debe convivir de forma xusta e harmónica co resto de usos”, concluíu.