Inaugurada a 48ª Abanca Semana Verde de Galicia, a edición con máis expositores dos últimos 19 anos

O certame reúne en Silleda a 793 empresas e entidades de seis países e ofrece máis de 200 actividades para profesionais e público xeral ata o domingo
inaugurada-a-semana-verde-silleda
5 Jun 2026

A 48ª edición da Abanca Semana Verde de Galicia quedou inaugurada oficialmente este xoves no recinto feiral de Silleda nun acto presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela.

Na apertura estivo acompañado polo conselleiro de Presidencia, Diego Calvo Pouso; a conselleira do Medio Rural, María José Gómez; o director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena; o director de Banca Sectorial de Abanca, Jesús Combarro; e o director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán.

A feira abre as súas portas consolidada como o gran escaparate multisectorial de Galicia e cunha edición de récord. O certame alcanza a mellor cifra de expositores directos dos últimos dezanove anos, con 793 empresas e entidades procedentes de seis países, o que supón un incremento do 4,6 % respecto ao pasado ano. A esta cifra súmanse outras 423 firmas representadas, un 16,2 % máis que en 2025, procedentes en total de 28 países.

A superficie neta expositiva ascende a 25.003 metros cadrados, mentres que a superficie bruta total, incluíndo as actividades programadas, supera os 75.500 metros cadrados. Ademais, os salóns especializados continúan medrando. Turexpo Galicia alcanza os 129 expositores, un 12 % máis que na anterior edición, mentres que Salimat Abanca chega aos 297 expositores, cun incremento do 3,1 %.

A Semana Verde volverá destacar pola súa ampla diversidade de sectores. Xunto aos salóns dedicados á alimentación, turismo, caza, pesca, natureza e beleza, tamén estarán representados ámbitos como a gandaría, a bioenerxía, a pequena maquinaria, a ferramenta, o mobiliario ou a artesanía, entre outros.

Un dos principais atractivos será novamente a extensa programación de actividades, que supera as 200 propostas ao longo dos catro días de celebración. O público poderá acceder gratuitamente ao recinto por décimo sexto ano consecutivo, aboando unicamente o aparcamento, cun custo de tres euros destinado a reforzar a calidade do programa.

No ámbito alimentario, Salimat Abanca converterase nun punto de encontro para profesionais e empresas do sector, con encontros internacionais de compradores nos que participarán 31 importadores e distribuidores de 15 países. Ademais, a área Alinova exhibirá máis de medio cento de innovacións alimentarias e o programa incluirá degustacións, showcookings, obradoiros de cociña, concursos e conferencias técnicas.

Pola súa banda, Turexpo Galicia e Festur contarán coa participación de empresas e entidades turísticas, ademais de 50 concellos que promocionarán 66 festas galegas de interese turístico, a maior cifra rexistrada neste evento. A Bolsa de Contratación Turística reunirá 32 turoperadores con presenza en 13 países.

A feira de caza, pesca e natureza, Fecap Abanca, ofrecerá exhibicións, mostras de cans de caza con máis de 500 exemplares, actividades de cetraría, tiro con arco e presentacións relacionadas coa pesca deportiva. Pola súa parte, Intermax Beauty Show celebrará a súa segunda edición cunha destacada competición de barbería que repartirá máis de 10.000 euros en premios.

As actividades ecuestres e caninas volverán ser protagonistas, con competicións, exhibicións e espectáculos. Entre eles destaca “A lenda do paxaro azul”, unha proposta que reunirá 25 animais en escena, entre cabalos, pôneis, aves rapaces, cans checoslovacos e especies exóticas.

No apartado gandeiro, as razas autóctonas galegas terán un papel destacado mediante exposicións, concursos morfolóxicos, demostracións de doma e exhibicións de rapa das bestas. Tamén se desenvolverán numerosas xornadas técnicas centradas nos retos actuais do sector agrogandeiro, a sustentabilidade e a dixitalización.

A programación complétase con actividades para toda a familia, como obradoiros infantís, a Carreira Popular, o Open de Xadrez, propostas multiaventura e espectáculos de motor, nos que regresará ao recinto a vertente máis extrema do motocross con pilotos internacionais que realizarán saltos e acrobacias de gran espectacularidade.

Con esta nova edición, a Abanca Semana Verde de Galicia reafírmase como unha das grandes citas feirais do noroeste peninsular e como un importante escaparate para os sectores produtivos, turísticos e culturais de Galicia.

0.32009792327881