Inés Ruiz, directora do Ourense Black: "Os lectores sempre teñen a última palabra"

A responsable do primeiro festival de novela negra de Galicia repasa como naceu o Ourense Black, que papel xogan libreiros e clubs de lectura e que agarda dunha primeira edición que xa superou as previsións de reservas
Inés Ruiz Luque
28 Nov 2026

O Ourense Black celebra a súa primeira edición, que remata esta noite, con sete nomes da literatura e do xornalismo e con 400 reservas rexistradas o día antes do seu comezo, por riba do esperado. A súa directora, Inés Ruiz, que xa dirixira outros festivais de novela negra en distintas cidades, explica nesta entrevista como xurdiu a idea de crear unha cita así na provincia, que criterios guiaron a selección de autores e por que o territorio ourensán é un escenario idóneo para o xénero.

 

Ourense Black preséntase como o primeiro festival de novela negra de Galicia. Por que cres que non existía antes e que oco vén cubrir?

Creo que aínda que non houbese un festival ata o momento, Galicia ten unha gran actividade literaria, non só no xénero de novela negra. É terra de grandes autores, con libros que se sitúan nas listas dos máis vendidos desde o momento da súa publicación, ademais de seren recoñecidos polos premios literarios máis importantes do país e arredor diso hai unha constante actividade; este pode ser o motivo de que non existise antes. Ourense Black vén cubrir o oco de lle dar un formato específico de festival ao xénero da novela negra.

 

Como xurdiu o proxecto?

O proxecto xurdiu desde a miña experiencia de dirixir diferentes festivais de novela negra noutras cidades e traballar con autores galegos e detectar que, efectivamente, non había un evento así en Galicia. Presentei o proxecto á Deputación de Ourense, que non dubidou en apoialo desde o inicio. Atopei o apoio incondicional da xornalista galega Amalia Enriquez e do equipo de Raíz, liderado por Natalia Asensio.

 

Son sete nomes, da literatura e do xornalismo, os que participarán no festival. Que criterio se seguiu para escollelos?

Foron varios os criterios seguidos. O primeiro, dar protagonismo a autores e xornalistas galegos. O segundo, que tivesen proxección nacional. E o terceiro, incorporar autores nacionais que lle den ao festival unha repercusión máis aló da provincia de Ourense.

 

Hai mesas, charlas e sinaturas. Pensades engadir outros formatos en futuras edicións?

Actualmente, no que pensamos é en botar a rodar esta primeira edición no formato proposto e "escoitar" o público asistente, xa que Ourense Black está dirixido aos lectores e son eles os que sempre teñen a última palabra.

 

Que papel xogan as librarías e os clubs de lectura da provincia no festival?

O papel que teñen é fundamental. Como che comentaba, o festival ten vida grazas aos lectores e, neste sentido, os clubs de lectura son agora mesmo grandes actores activos da promoción da lectura. No festival contamos coa implicación total da Asociación de Libreiros da provincia de Ourense.

 

Que resposta de reservas e asistencia se agardaba?

A asistencia final sempre é unha incógnita nos días previos, pero estabamos convencidos de ter unha boa resposta de público. As reservas rexistradas o día antes do inicio eran un total de 400 persoas, que superaron as expectativas iniciais.

 

Que aporta Ourense ao xénero negro?

Ourense aporta ao xénero negro formar parte do imaxinario do xénero negro. O territorio é moi recoñecible e idóneo para a creación de atmosferas, que sempre son un personaxe máis das novelas. Por outro lado, a partir desta edición, Ourense aporta ser o primeiro festival de novela negra de Galicia para formar parte do circuíto dos grandes festivais do xénero.

 

Que é o máis difícil de lanzar un festival desde cero nunha cidade que non tiña un?

O máis difícil de lanzar un festival desde cero é contar coa implicación dos axentes locais necesarios para poder celebralo. Nesta ocasión, esa dificultade inicial transformouse nun gran motor da man da área de cultura da Deputación de Ourense e o seu traballo no impulso á cultura.

 

Que che gustaría que dixesen os asistentes o sábado pola noite?

Que o gozaron, que foi moi interesante e, sobre todo, que queren unha segunda edición.

 

Que obxectivo vos marcades para consolidar o festival como cita de referencia?

O primeiro obxectivo que nos marcamos para consolidalo é a asistencia e participación do público. Faremos balance nos próximos días e comezaremos a traballar na próxima cita.

 

Como te relacionas ti, persoalmente, co xénero negro? Que libro recomendarías?

Persoalmente, a miña relación co xénero negro vén ligada á psicoloxía e á complexidade do comportamento humano, en todos os dilemas e cuestións éticas que se expoñen, motivadas por personaxes en situacións extremas. Iso é o que máis me atrae.

Recomendacións é fácil, calquera das novelas dos autores que participaron en Ourense Black, que as lin todas, pero cóntoche que a última novela que lin do xénero foi 'Huérfanos' de Carmen Mola.

1.9259951114655