Instalados paneis sobre o risco de inundación en varios puntos dos ríos Lérez e Gafos en Pontevedra

O obxectivo de Augas de Galicia é advertir dos perigos asociados ás áreas de risco potencial significativo de inundación e dar a coñecer as medidas preventivas e as pautas de actuación
CAMBRE CULLEREDO inundacions
18 Nov 2026

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, completou a instalación dun total de 22 paneis informativos en diferentes puntos identificados polo risco de inundación nos ríos Lérez e Gafos, ao seu paso polo concello de Pontevedra.

O obxectivo desta sinalización é concienciar á cidadanía sobre os perigos e implicacións asociadas a episodios de chuvia intensa, así como sobre as medidas preventivas e pautas de actuación recomendadas en caso de que estas chuvias se produzan en áreas de risco potencial significativo de inundación (Arpsi).

Segundo se recolle no Plan de Xestión de Risco de Inundación (PXRI) da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, a Arpsi Río Lameira pertence ao grupo IV, que é aquel no que están incluídas as zonas fluviais con máis posibilidades de que se produzan desbordamentos.

Precisamente, a colocación destes elementos pretende mellorar a concienciación pública sobre a dinámica natural dos ríos e reforzar a seguridade e as medidas de protección á cidadanía. Trátase dun traballo enmarcado no Plan estratéxico de divulgación das áreas de risco potencial significativo de inundación (Pedarpsi) e que dá continuidade á instalación destes paneis noutras zonas sensibles de Galicia-Costa.

Deste xeito, cómpre lembrar que, ata o momento, Augas de Galicia xa colocou este tipo de indicadores en 42 concellos con áreas de alto risco de inundación dentro do seu territorio: Gondomar, Ames, Brión, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Carnota, Vimianzo, Zas, Carballo, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Arteixo, Sada, Fene, Ferrol, Neda, Cedeira, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, A Pobra do Caramiñal, A Coruña, Baiona, Oia, Cambre, Culleredo, Oroso, Santiago de Compostela, Cuntis, Cambados, Ribadumia, Vilanova de Arousa, Vilaboa, Vigo, Cangas, Viveiro, Caldas de Reis, Mondoñedo, Foz, Lourenzá, Redondela, Marín e Pontevedra.

O organismo hidráulico adoita sinalizar e combinar diferentes formatos e tipoloxías de carteis nas zonas, como os xerais, os máis completos xa que inclúen información específica sobre a zona e o protocolo de actuación en caso de desbordamento, ou os infantís, cunha estética e linguaxe adaptadas á idade do público ao que van dirixidos.

Ademais, Augas de Galicia reforza deste xeito o compromiso coa prevención de eventuais asolagamentos, en estreita colaboración coas administracións locais e cumprindo co PXRI vixente ata 2027, que está sendo sometido xa a revisión en aplicación da directiva comunitaria para a xestión do risco de inundación.

3.1129641532898