Investigadores do CiMUS descobren que a protonterapia con minifeixes combate o glioblastoma e protexe o cerebro san

O glioblastoma é un tumor que se orixina no cerebro, de rápido crecemento e agresividade, que afecta sobre todo as persoas maiores. É o máis común dos tumores cerebrais e, na actualidade, conta con opcións terapéuticas limitadas. Persoal investigador do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), dirixido por Yolanda Prezado, acaba de descubrir que a irradiación de radioterapia con minifeixes de protóns —pMBRT— (protonterapia) fai máis vulnerable o tumor ao mesmo tempo que protexe mecanismos esenciais do cerebro san. Deste xeito dáse resposta a un dos grandes retos da radioterapia: atacar o glioblastoma sen castigar a parte non afectada do cerebro.
O estudo, que acaba de publicarse na principal revista científica do campo da radioterapia oncolóxica, demostra que a protonterapia con minifeixes non é só outra forma de distribuír a dose, senón que desencadea respostas biolóxicas diferentes no tumor e no tecido cerebral san. No tumor, explica a investigadora Oportunius da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, Yolanda Prezado, “observamos cambios metabólicos asociados a unha potencial maior sensibilidade á radiación. Ao mesmo tempo, no cerebro san, a pMBRT preserva proteínas relacionadas coas conexións e a función neuronal que poden verse afectadas tras unha irradiación convencional”.
O resultado, engade a investigadora principal do CiMUS da USC, “é especialmente prometedor: unha mesma estratexia de irradiación parece inducir no tumor cambios compatibles cunha maior vulnerabilidade á radiación, mentres preserva mecanismos esenciais do cerebro non afectado. Comprender esta dobre resposta achéganos a explicar por que a pMBRT mostrou resultados tan prometedores en modelos preclínicos de glioblastoma e reforza o seu potencial para avanzar cara á fase clínica”.
Ademais, recentemente tratáronse nos EEUU os primeiros pacientes mediante MBRT con raios X de baixa enerxía, proporcionando unha primeira proba de viabilidade clínica deste concepto de irradiación espacialmente fraccionada. A pMBRT traslada agora este principio ao uso de protóns, co potencial de combinar as vantaxes dosimétricas da protonterapia cos efectos biolóxicos asociados á irradiación con minifeixes.
Estudos previos en roedores reportaron efectos neuroprotectores a longo prazo tras a irradiación cerebral. Para investigar os mecanismos radiobiológicos subxacentes da pMBRT, o equipo do CiMUS realizou un perfil proteómico non dirixido que compara a pMBRT coa terapia de protóns convencional (TPC) nun modelo ortotópico de GB en ratas.
A radioterapia con minifeixes de protóns, unha modalidade espacialmente fraccionada, demostrou ser esperanzadora en modelos preclínicos e aplicacións clínicas temperás ao mitigar a toxicidade no tecido normal e, ao mesmo tempo, mellorar o control tumoral.
En conxunto, estes achados resaltan a dobre capacidade da pMBRT para sensibilizar os tumores á radiación á vez que preserva o tecido cerebral, o que apoia o seu potencial traslacional para o tratamento do glioblastoma.
O CiMUS conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia (ED431G/2023/02), que avala a calidade e o impacto da súa investigación, e está «subvencionado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional » e «cofinanciado pola Unión Europea» a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027. Ademais, foi acreditado recentemente a nivel estatal como Unidade de Excelencia María de Maeztu, outorgada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (axuda CEX2024-001463-M).