Isabel Rodríguez explora vías de cooperación coa República do Congo para apoiar á mocidade

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, mantivo un encontro coa delegación oficial da República do Congo, encabezada polo secretario permanente do Ministerio de Mocidade e Deportes, Kaba-Mboko Prince Michrist, e o conselleiro municipal e departamental Kouloumbou Bouanga Jule Pauldi. A reunión tivo lugar no marco da misión institucional organizada polo Concello de Negueira de Muñiz, co obxectivo de reforzar as relacións bilaterais e explorar novas vías de colaboración.
Durante o encontro, Isabel Rodríguez puxo en valor as políticas públicas que se desenvolven en España para fomentar a empregabilidade xuvenil, o emprendemento social e a formación nas distintas especialidades sanitarias. Tamén destacou a relevancia do deporte como ferramenta de inclusión e cohesión social, así como o papel fundamental do asociacionismo xuvenil para promover a participación cidadá e o diálogo interxeracional.
A delegación congolesa amosou un especial interese por coñecer de primeira man os programas formativos e de innovación impulsados polas administracións públicas, co obxectivo de aplicar boas prácticas que favorezan o desenvolvemento da mocidade no seu país.
Esta misión oficial insírese dentro dunha axenda de encontros estratéxicos da delegación congolesa en España, que inclúe visitas institucionais e a centros de referencia en Galicia e outras comunidades, co fin de promover o intercambio de experiencias e fortalecer os lazos de cooperación internacional no eido da mocidade e o deporte.