Jennifer López abrirá en Pontevedra a súa nova xira por España

Jennifer López volverá aos escenarios este verán coa súa nova xira mundial "Jennifer López: Up All Night Live in 2025", e fará historia en Galicia ao escoller Pontevedra como cidade de arranque das cinco únicas datas confirmadas en España. A cita terá lugar o 8 de xullo no Parque de Tafisa.
A cantante, actriz, produtora e empresaria estadounidense é unha das artistas máis influíntes e recoñecidas a nivel mundial. Ao longo da súa carreira, Jennifer López vendeu máis de 80 millóns de discos, acumula máis de 15.000 millóns de reproducións e conta con 28 millóns de oíntes mensuais en Spotify.
Desde a súa produtora destacan que “Jennifer López é unha forza da natureza”, sendo a única artista feminina que liderou simultaneamente as listas de música e cine, cunha recadación que supera os 3.000 millóns de dólares en billeteira a nivel global.
As outras cidades españolas elixidas para esta xira son Cádiz, Málaga, Barcelona e Bilbao, onde actuará os días 10, 11, 15 e 16 de xullo respectivamente. Con esta xira, JLo continúa a consolidar o seu status como ícono global e artista polifacética por excelencia.
Por agora, descoñécese cando sairán á venda as entradas nin os seus prezos, pero prevese unha gran demanda debido á exclusividade das datas e ao impacto internacional da artista.