Jesús López Romalde asume a dirección da facultade de Bioloxía da USC

O profesor Jesús López Romalde tomou posesión como decano da Facultade de Bioloxía co compromiso “de seguir traballando con transparencia, con proximidade, con capacidade de escoita, desde o respecto ás opinións diferentes, desde a procura permanente do consenso e coa mesma ilusión coa que comecei hai catro anos”. No acto, estivo acompañado pola reitora, Rosa M. Crujeiras, e pola secretaria xeral da USC, Alicia Villalba.
Agradecido polo apoio recibido para renovar mandato, desta volta xa por seis anos, Romalde marcaba a liña a seguir poñendo o foco en varios retos. Por unha banda, a mellora continua das titulacións do centro, “reforzando os sistemas internos de garantía de calidade e asegurando que estes sexan útiles, áxiles e orientados a resultados reais”. “Traballaremos para que os nosos títulos non só cumpran cos estándares esixidos, senón que destaquen pola súa excelencia, pola súa actualización e pola súa conexión cos retos científicos e sociais actuais, ofrecendo ao estudantado unha formación que realmente marque a diferenza”, manifestou.
Á vez, reclamaba do goberno da Universidade un incremento progresivo da dotación orzamentaria destinada aos centros, “que teña en conta as particularidades de titulacións experimentais como Bioloxía e Biotecnoloxía, cuxo desenvolvemento require un elevado investimento en infraestruturas, equipamento, material docente e prácticas de laboratorio”, así como un financiamento específico “e suficiente” para as prácticas de campo.
Fortalecer a dimensión internacional da Facultade de estudantado e profesorado e simplificar procedementos para facilitar o traballo de quen dedica o seu tempo á docencia, á investigación e á xestión foron outros dos obxectivos apuntados polo decano no acto. Neste senso, advertiu que un dos seus compromisos “máis firmes” é avanzar “cara a unha xestión máis áxil, máis clara e máis eficiente, que facilite o traballo de todos e mellore tamén a experiencia do estudantado”.
Pola súa banda, a reitora mostrouse “convencida” de que a Facultade de Bioloxía seguirá sendo “un referente, formando profesionais cunha sólida base científica e coa capacidade de traballar en ámbitos cada vez máis interdisciplinares”.
“A Facultade de Bioloxía -dixo- afronta este novo período nun momento especialmente relevante para a súa disciplina; vivimos unha época na que poucas áreas do coñecemento teñen unha conexión tan directa cos grandes desafíos da humanidade”. Entre eles, mencionou o cambio climático, a perda de biodiversidade, a seguridade alimentaria, a aparición de novas enfermidades, a saúde global ou a conservación dos ecosistemas, “que sitúan a Bioloxía no centro das respostas que a sociedade necesita”.
“A Universidade de Santiago de Compostela, e a súa Facultade de Bioloxía, teñen unha responsabilidade especial neste ámbito”, concluíu, “porque Galicia é un territorio cun patrimonio natural excepcional e cunha enorme riqueza biolóxica, pero tamén especialmente exposto aos efectos do cambio climático e ás transformacións do territorio”. Destacaba nesta liña que a conexión coa sociedade constitúe “unha das grandes fortalezas desta Facultade: o coñecemento que aquí se xera contribúe a mellorar as políticas de conservación, a responder aos retos da saúde pública, a impulsar a innovación no sector agroalimentario, mariño ou biotecnolóxico e a ofrecer evidencias científicas para unha mellor toma de decisións”.